Propoñen transformar nunha Vía Verde a antiga liña férrea entre Arcade e Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A antiga liña férrea entre Arcade, á altura da ponte sobre o río Verdugo, e a estación de Pontevedra deixou de ter uso para o transporte ferroviario de pasaxeiros e mercadorías. De aí que o goberno municipal vai a solicitar ao Ministerio de Fomento a súa transformación en Vía Verde para uso peonil e ciclista, creando unha senda duns 10 quilómetros aproveitando o trazado que quedou abandonado.
Segundo Luis Bará, sería unha "oportunidade de ouro" e un "broche perfecto" para todas as melloras que deixarán no municipio as obras do AVE. Conseguiríase así unha nova infraestrutura, sinalou o concelleiro do BNG, con grandes potencialidades para a mobilidade ciclista entre Arcade e Pontevedra, como alternativa "segura, saudable e sustentable" á do tráfico a motor.
Esta transformación tería un custo "non moi elevado" e un impacto "moi positivo" para a mobilidade e para a promoción turística da comarca, pola beleza e interese dos espazos culturais e naturais que atravesa e cos que sería necesario conectala como o ENIL dos Gafos, as Salinas de Vilaboa, a illa de Medal, a ponte medieval de Ponte Sampaio ou o Camiño Portugués a Santiago.
Concretamente, o treito entre Arcade e Figueirido comeza a presentar, denunciou Bará, un estado de abandono e nalgúns puntos está sendo xa invadido pola maleza. Sería un trazado "doado de recuperar" xa que discorre completamente separado do novo trazado do AVE. No caso do treito entre Figueirido e Pontevedra caben dúas opcións, transformar en vía verde a antiga vía férrea, ou aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado actual.
Ademais da comunicación oficial con Fomento para que este treito da vía sexa desafectado do uso ferroviario e se destine a vía verde, o alcalde de Pontevedra dirixirase persoalmente á ministra Ana Pastor para interesarse polo proxecto.
Neste sentido, Luis Bará avanzou que xa houbo contactos ante a Deputación de Pontevedra para o acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Verdugo, xa que a infraestrutura une dous concellos e polo tanto estaría xustificada a intervención da institución provincial, dándolle continuidade por ela aos paseos marítimos que se habilitaron recentemente en todo este ámbito.
Relacionadas:
-
Os veciños marchan polo antigo trazado ferroviario para reclamar a Vía Verde
Por Redacción |
-
Colectivos veciñais e deportivos de Vilaboa reclaman a conversión da antiga vía do tren en Vía Verde
Por Redacción |
-
Ana Pastor confirma a creación dunha Vía Verde no antigo trazado do tren entre Arcade e Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Pastor destaca o avance das obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Boa disposición en Fomento para converter a vella ponte do tren sobre o Lérez nunha senda peonil
Por Alejandro Espiño |