Novidade mundial: Vendense clones de Albariño
Por Oskar Viéitez
Cinco clones de Albariño sairán por fin ao mercado logo de 25 anos de traballo por parte de técnicos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Misión Biolóxica de Galicia (MBG).
Hoxe responsables destes centros asinaron co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas o convenio de comercialización.
A variedade Albariño é unha das máis cotizadas para a elaboración de viños brancos, con todo, ata o momento, non existían exemplares certificados. Estes cinco agora presentados son os primeiros clones certificados desta variedade a nivel mundial.
A partir de agora os viticultores adscritos a esta Denominación de Orixe contarán cun periodo de cinco anos para o uso de dous deles en exclusividade, gozando ademais dun desconto especial sobre o prezo de venda.
Os viticultores contarán cun periodo de cinco anos para o uso de dous deles en exclusividade
Para chegar ata aquí houbo que percorrer un longo camiño. O primeiro paso deste traballo deuse no ano 1987 e consistiu en percorrer toda Galicia co obxectivo de localizar cepas centenarias (200 ou 300 anos) da casta albariño.
Marcáronse un total de 40 cepas diferentes. Cada unha delas foi estudada in situ durante catro anos. Posteriormente seleccionáronse os 11 mellores clones, e réplicas de cada un destes plantáronse nunha parcela experimental na Misión Biolóxica de Galicia. Entre 2007 e 2008 concluíu o proceso de certificación de cinco dos once exemplares, cuxa comercialización iniciarase trala firma deste convenio a través de Viveros Provero S.A.
Esta selección de exemplares de Albariño foi un traballo do Grupo de Viticultura, primeiro baixo a dirección do doutor Mantilla (xa falecido) e posteriormente pola doutora Carmen Martínez coa participación dos doutores José Luís Santiago e Susana Boso.
No acto de firma deste convenio estiveron presentes o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, o secretario, Ramón Huidobro, o coordinador institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, o director da Misión Biolóxica de Galicia, Pedro Revilla, o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Gerardo Zugasti e o Grupo de Viticultura da MBG.