Espazo Ecosocialista propón crear unha candidatura cívica "para o cambio político real" nas municipais de 2015
Por Natalia Puga
Espazo Ecosocialista comezará nos próximos días un proceso para fomentar entre a cidadanía de Pontevedra a constitución dunha candidatura cívica de cara ás próximas eleccións municipais de 2015. O partido poñerá en marcha o proceso, pero aspira a que integre ao maior número de colectivos sociais e políticos do municipio e logre crear unha alternativa aos tres partidos políticos que actualmente forman parte da Corporación municipal -BNG, PP e PSdeG- e poñer en marcha unha iniciativa "para o cambio político real".
Os coordinadores local e nacional de Espazo Ecosocialista, José Antonio Ramírez e Xan Hermida, presentaron este mércores a súa iniciativa e empezaron xa as primeiras reunións para facela posible. Para iso deseñaron un instrumento de traballo metodolóxico no que ao longo do mes de agosto realizarán unha enquisa sociolóxica a "non menos de 300 persoas" para conseguir unha valoración do Goberno local actual e as demandas sociais. Á hora de pasar o cuestionario terán e conta todas as parroquias e barrios de Pontevedra para conseguir unha análise global de todo o municipio.
Dentro do calendario que se marcaron, en setembro comezarán unha rede de contactos coas asociacións máis representativas do municipio e os movementos sociais cos que estiveron a colaborar durante os últimos tres anos baixo o paraugas do 15-M; e entre setembro e outubro un equipo de entre tres e cinco persoas de cada parroquia e barrio divulgará a iniciativa ao conxunto da cidadanía.
En agosto comezarán o traballo de campo cunha enquisa para que os cidadáns valoren o Goberno local
En outubro e novembro celebraranse un serie de 'open space' ou espazos abertos nos que se dará voz en asemblea aberta a todos os pontevedreses para establecer as propostas que integrarían o proxecto electoral e recoller datos de posibles colaboradores e candidatos. En decembro chegaría o proceso decisorio, no que, sempre en asemblea aberta e participativa, se establecerían os programas e candidaturas.
A aposta de Espazo Ecosocialista é que de cara ao próximo proceso electoral se impulsen alternativas cidadás, pero nela terían oco outras forzas políticas. Así, nesta fase inicial da proposta se presentará aos seus aliados en Alternativa Galega de Esquerda (AGE), isto é, Anova e Esquerda Unida, e tamén a Podemos como forza que "tamén recolle a demanda de cambio e de ruptura" que cren que solicita a cidadanía e á que queren dar resposta.
Ao respecto, aseguran que se AGE e Podemos xuntasen os seus votos das últimas eleccións europeas "converteríanse na segunda forza política da cidade, por detrás do PP", de modo que a súa unión sería "nucleadora dun cambio". A intención é crear unha proposta que siga a liña dun exemplo que leva en marcha tres anos, Ames Novo, e outro que acaba de presentarse, Marea Atlántica na Coruña. Isto iso, todas as siglas políticas poden sumarse, pero "non van ser as cúpulas quen decidan este proceso", senón que será "un proceso cidadán, cívico, democrático, polo tanto, que parta da necesidade da xente".
Xan Hermida: "Non se trata de sacar concelleiros para poñer farolas ou para asfaltar rúas, senón para sumarse a un cambio político"
Dende Espazo Ecosocialista, como impulsores, só van establecer tres liñas vermellas que entenden que non son negociables do resultado final do proceso, pero todo o demais dependerá da iniciativa cidadá. A proposta deberá incluír un programa de cambio e de transformación real; ten que rexerse por unha metodoloxía "radical democrática", isto é, que todo se faga por primarias abertas na que todos participen; e a forza resultante ten que presentarse ás eleccións como unha alternativa para o cambio, non como unha proposta política que logo se converta en chave para que goberne outro partido.
En relación con esta terceira liña vermella, Xan Hermida indica que "ten que haber un compromiso de que ten que ser unha forza de cambio, non soamente unha forza bisagra, de pasteleo", pois na situación de crise de modelo na que está a sociedade actual "non se trata de sacar concelleiros para poñer farolas ou para asfaltar rúas, senón para sumarse a un cambio político". Entende que tanto o réxime actual de tres partidos na Corporación coma o modelo de goberno bipartito BNG-PSOE están "esgotados" e que a cidadanía ten a percepción de que existe "unha certa conivencia corporativa" entre as tres forzas actuais "cando se trata de abordar os temas importantes".
Un exemplo desta "connivencia" entre partidos é, para Xan Hermida, o proxecto da autovía A-57 contra o que mostrou a súa oposición o colectivo Salvemos a Fracha, pois entende que é "unha das agresións medioambientais máis fortes que ten a cidade" e "aí hai outra vez unha connivencia do Goberno central, da Xunta e do Concello de Pontevedra".
Relacionadas:
-
Esquerda Plural esixe no Congreso a paralización da autovía A-57 e a liberalización da AP-9
Por Redacción |
-
Podemos Pontevedra invita á cidadanía a participar activamente no seu proceso constituínte
Por Redacción |
-
Primeira toma de contacto entre o PP e Ciudadanos de Pontevedra para "estreitar lazos"
Por Oskar Viéitez |
-
31 de outubro, data máxima para coñecer o candidato de Compromiso por Galicia en Pontevedra
Por Redacción |
-
Espazo Ecosocialista esixe a recuperación da concesión da AP-9 como alternativa á A-57
Por Redacción |
-
Espazo ecosocialista galego propón un debate sobre propostas económicas para Pontevedra
Por Redacción |
-
Espazo Ecosocialista considera insuficientes as políticas de tratamento de residuos en Pontevedra
Por Redacción |