Ana Pastor confirma a creación dunha Vía Verde no antigo trazado do tren entre Arcade e Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A liña ferroviaria que quedou en desuso entre Arcade e Pontevedra converterase na ansiada Vía Verde. A ministra de Fomento, Ana Pastor, confirmou este sábado que o seu departamento xa enviou os protocolos de acordo e colaboración á Deputación de Pontevedra, institución que está "pilotando" esta iniciativa ao afectar a dous concellos diferentes, Soutomaior e Pontevedra.
Se ben precisou que en parte deste trazado as vías seguirán utilizándose para o tráfico de mercadorías co paso de trens con colectores, Fomento está disposto a "ir cediendo toda la trama que no es necesaria". Entre ela citou expresamente as pontes sobre os ríos Verdugo e Lérez, sobre os que sinalou que "estamos en disposición total de que los pontevedreses puedan disfrutar de esa zona tan bonita".
Ana Pastor avanzou que, en breve, convocará unha reunión co titular da Deputación, Rafael Louzán, para asinar definitivamente este protocolo. Á cita tamén estará invitado o Concello de Pontevedra, que xa expresara tamén o seu interese neste proxecto. Aproveitar este traxecto para crear unha Vía Verde, sinalou, "es la voluntad de todos los grupos políticos municipales y también del Gobierno".
A ministra de Fomento realizou estas declaracións na estación de RENFE de Pontevedra, onde visitou as obras que se realizaron para adaptar as instalacións á chegada do tren de alta velocidade. Con eses traballos, nos que se investiron 14,5 millóns de euros, os tráficos póidanse incrementar "a más del doble de lo que estamos en este momento", destacou a responsable gobernamental.
Foron unhas obras non exentas de polémica polas molestias causadas aos veciños dos barrios próximos á estación pontevedresa. Para eles, Ana Pastor tivo unhas palabras de agradecemento por soportar estes traballos e pediulles desculpas polas molestias e ruídos que se causaron durante a duración destas actuacións.
OBRAS DO EIXO ATLÁNTICO DE ALTA VELOCIDADE
Ana Pastor chegou á estación de tren de Pontevedra a bordo de tren procedente de Vilagarcía de Arousa. Por primeira vez dende a súa entrada en servizo o pasado 30 de xullo, a ministra de Fomento percorreu os 13 quilómetros do tramo Portela-Pontevedra do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, no que se investiron 155 millóns de euros. Xa só quedan, sinalou, dous tramos por concluír, o viaduto sobre o río Ulla e o percorrido entre Arcade e Vigo.
As obras en ambos os dous trazados prevense rematar "lo antes posible", co que se completará o trazado entre A Coruña e Vigo, "las dos ciudades más grandes de Galicia". Ata 2018 haberá que esperar para que se complete a rede de alta velocidade en Galicia, coa entrada en funcionamento dos tramos de entrada na comunidade procedentes da Meseta polo Padornelo e a Canda.
A alta velocidade, segundo Ana Pastor, supoñerá "un antes y un después para Pontevedra". Como exemplo, destacou que o traxecto entre a capital da provincia e Santiago de Compostela se fará en apenas media hora. Será un tempo, dixo, "que va a hacer que más gente confíe en el ferrocarril". Neste sentido, subliñou que en xullo 95.000 viaxeiros galegos optaron por este medio de transporte, cualificado pola ministra como "muy poco contaminante y muy eficiente".
Relacionadas:
-
Fomento informa de xeito favorable á Vía Verde na antiga liña do ferrocarril entre Vilagarcía e Portas
Por Redacción |
-
Os veciños marchan polo antigo trazado ferroviario para reclamar a Vía Verde
Por Redacción |
-
Agustín Fernández acusa a BNG e PP de "botar fume electoral" coas súas propostas para crear vías verdes
Por Redacción |
-
Adif rexenarará o sendeiro de Lérez afectado polas obras
Por Redacción |
-
Bará avanza que as obras do AVE finalizarán en cuestión de días e lamenta as molestias causadas
Por Redacción |
-
Propoñen transformar nunha Vía Verde a antiga liña férrea entre Arcade e Pontevedra
Por Alejandro Espiño |