A primeira fin de semana de peñas pecha sen incidentes salientables e con 15 toneladas de lixo
Por Natalia Puga
A primeira fin de semana de feira taurina da Peregrina e as habituais celebracións das peñas transcorreron sen incidentes relevantes en Pontevedra. Entre o sábado e o domingo o operativo especial de recollida de lixo habilitado recolleu un total de 15 toneladas de residuos e os servizos sanitarios atenderon a 19 persoas que presentaban intoxicacións etílicas ou feridas por cortes e pequenas lesións.
Fontes do Servizo Galego de Saúde e do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) explican que tanto o Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda coma o Hospital de Montecelo tiveron maior actividade que outras fins de semana, pero non máis que en anos anteriores durante as xornadas de peñas. O sábado chegaron a ambos os dous centros máis mozos que necesitaban atención que o domingo.
En concreto, durante as tardes e noites do sábado e o domingo chegaron ao PAC da Parda nove persoas que sufrían algunha intoxicación por exceso de consumo de alcohol ou sufriran algunha agresión. En Montecelo atenderon entre a tarde do sábado e a madrugada do domingo a nove persoas por intoxicación etílica e a tan só unha persoa entre a tarde do domingo e a madrugada deste luns. O centro hospitalario non conta con cifras de persoas que requiriron asistencia por verse implicadas nalgunha pelexa. O ano pasado, durante a mesma fin de semana, atenderon a 14 persoas feridas e a 20 con intoxicacións etílicas.
O PAC da Parda e Montecelo recibiron 19 persoas por intoxicacións etílicas, cortes e lesións
Durante toda a fin de semana reforzouse a presenza na rúa de axentes das policías Local e Nacional ante a posibilidade de que se producisen incidentes, pois conflúen nas rúas pontevedresas persoas que acoden á Praza de Touros e grupos de mozos que crean peñas taurinas sen acudir á feira. A pesar da masiva afluencia de xente nas rúas e prazas, as fontes policiais consultadas sinalan que non se rexistraron incidentes salientables á marxe de pequenas pelexas sen maiores consecuencias.
O voceiro de Goberno local, Raimundo González, sinalou que non houbo incidentes salientables á marxe de pequenas actuacións como a recuperación de catro carriños de compra de distintos supermercados que foran retirados do establecemento comercial e utilizado durante as celebracións das prazas da cidade.
Ademais, Raimundo González indicou que as festas xurdidas na rúa e no exterior dos establecementos hoteleiros xeraron unha cantidade similar de lixo á de anos anteriores, pois en 2014 foran 14 toneladas durante a mesma fin de semana. A empresa Cespa recolleu dez toneladas de residuos tras a celebración do sábado e cinco toneladas despois da festa do domingo. O operativo especial de limpeza tivo maior carga de traballo no ámbito do Campiño de Santa María, a Praza de Touros, a Praza do Teucro e os arredores dun establecemento de hostalaría da Praza de Curros Enríquez.
Relacionadas:
-
Técnicos de emerxencias critican o dispositivo de seguridade durante as peñas e propoñen reforzalo
Por Natalia Puga |
-
Retiran 20 toneladas de lixo despois dunha fin de semana de peñas e festas
Por Natalia Puga |
-
As outras peñas enchen as prazas do casco histórico
Por Redacción |
-
As peñas poñen a nota de cor na primeira cita coa Feira da Peregrina
Por Diego Torrado |