As Festas de San Roque en Vilagarcía prepáranse para o multitudinario baño de auga deste sábado
Por Aitana Vidal
Vilagarcía de Arousa iniciou as Festas de San Roque coa lectura do pregón a cargo do actor Manuel Millán e a tradicional ofrenda floral na que paticiparon membros do equipo de goberno encabezados polo alcalde Tomás Fole. Nesta primeira xornada festiva, os Xigantes volveron percorrer as rúas unha vez recuperados formando unha comparsa cun grupo de gaitas.
A zona da Baldosa acolle a Feira multisectorial e na praza de Peixería comezou tamén Viñagarcía, o Salón Gastronómico de Arousa. Os vilagarciáns terán os actos máis importantes deste venres a partir das 22.30 horas coa verbena popular a cargo de Los Tres Latinos no Barrio de San Roque. Ás 23.00 horas comezará o concerto de Xuso Jones no Parque da Xunqueira, con entrada gratuíta. Entre as 22.30 e as 3.00 desenvolverase unha sesión de Dj's no Parque do Cavadelo na que interveñen DJ José Vargas, Banana Pride e The Bay View.
FESTA DA AUGA
Este sábado será un dos días máis esperados coa celebración da Festa da Auga. A coincidencia da festividade de San Roque en sábado provoca que dende o Concello se agarde unha afluencia masiva de xente, superior á dos últimos anos. Desta forma, 140 persoas estarán pendentes para evitar que se produzan incidencias a través dun dispositivo de seguridade no que participan a Policía Local, Policía Nacional, o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil.
Aqueles que queiran facernos chegar as súas fotos máis divertidas da Festa da Auga poden empregar o hashtag #AguaViva durante a xornada de mañá. As mellores serán publicadas en PontevedraViva.