Só dous anos de cárcere por coaccionar un soprón
Por Natalia Puga
Tomás Leis Carlés, coñecido como 'Tomasín' ou 'El Marquesito', acumulou nos anos 80 e 90 varias condenas por narcotráfico e conseguiu un indulto por colaborar coa Xustiza no marco da Operación Nécora, gañando o cualificativo de soprón no mundo do tráfico de drogas.
No ano 2003 denunciou que catro individuos o secuestraran. O caso chegou este xoves a xuízo cun dos seus presuntos secuestradores fuxido da Xustiza e outro deportado ao seu país. Os outros dous chegaron a un acordo coa Fiscalía polo que se modificou a acusación inicial por detención ilegal e roubo con intimidación por un delito de coaccións.
Os dous acusados conformáronse ante a Audiencia Provincial de Pontevedra coa petición de condena realizada polo fiscal, que rebaixou de seis a dous anos de prisión, e recoñecéronse autores dos feitos.
Á espera de que se dite sentenza, serán condenados por coaccionar 'El Marquesito' na súa casa da Estrada. Unha das circunstancias que motivou este cambio na acusación é que a vítima faleceu e a outra declaración inculpatoria contra os procesados era a da filla deste.
As declaracións da rapaza resultaban contraditorias coa versión dos feitos do seu pai, en aspectos tan fundamentais como que el indicara que ela marchou correndo da casa e ela sinala que estivo no domicilio durante todo o tempo que durou o presunto secuestro denunciado por Tomás Leis.
O procesado sinalara que durante polo menos tres horas en que estiveron na vivenda os catro procesados fixeron "uso intimidatorio das armas que portaban, impedindo abandonar a parte traseira da casa" para que lles entregase 9.000 euros ata que chegou a Garda Civil e os detivo. A Fiscalía só considera que lle coaccionaron con pistolas de fogueo, pero non que intentansen roubalo nin o retivesen á forza.