Senta no banco dos acusados o camioneiro que atropelou un ciclista no Nó do Pino
Por Redacción
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra acolle este mércores 3 de outubro un xuizo que unha familia pontevedresa leva dous anos esperando. Sentará no banco dos acusados o camioneiro que o 6 de agosto de 2010 se levou por diante a un veciño da rúa Pintor Laxeiro, José Alberto Ríso Vázquez, de 43 anos, cando se dirixía ao seu traballo en bicicleta.
O sinistro sobre o que se dirimirán responsabilidades no xulgado pontevedrés deixou unha viúva e dous orfos e pode deixar ao acusado cunha condena de tres anos e medio de cadea. Víctor S.Q.X.S., de 33 anos e veciño de Arouca, no distrito portugués de Aveiro, está acusado pola Fiscalía dun delito de homicidio imprudente.
O fiscal pedirá para o procesado dous anos e catro meses de cadea mentres que a familia da vítima, que exerce a acusación particular, pide que se lle impoñan tres anos e medio por homicidio imprudente e por outros tres delitos: omisión do deber de socorro, desobediencia grave e condución temeraria. Os gardas civís que participaron na súa detención tamén comparecen na causa acusándoo de telos lesionado cando se resistiu ao arresto.
Os feitos polos que chega a xuízo nos xulgados da Parda producíronse sobre as 8.30 horas da mañá no vial que unía as dúas rotondas que por aquel entón confomaban o Nó do Pino. O acusado conducía un camión Volvo cando arrastrou un home que ía en bicicleta e en lugar de deterse seguiu a marcha ata que foi interceptado pola Garda Civil de Tráfico en San Adrián de Cobres (Vilaboa).
Os axentes lograron dar co camioneiro causante do accidente grazas ás indicacións que deu á Garda Civil e a Policía Local de Pontevedra un condutor que presenciou o accidente e ao ver que o camión abandonaba o lugar dos feitos sen deterse a ver que sucedía coa súa vítima seguiuno ao tempo que chamou os sevizos de emerxencias.