Guateque no Museo de Pontevedra
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e o Museo, en colaboración coas asociacións culturais de Pontevedra, organizan unha Festa-Guateque o próximo venres 12 de setembro.
Durante esta actividade, que dará comezo ás 21 horas no exterior do Sexto Edificio do Museo (r/Padre Amoedo, 3) e se prolongará ata as 23 horas, vaise recrear o ambiente dos míticos guateques, lembrando así as festas que durante as décadas do 60 e do 70 do pasado século.
A actividade incluirá a proxección de fotografías antigas nunha gran pantalla situada no exterior do Sexto Edificio e, por suposto, a música sesentera do grupo Nocturnos de balde, que recuperará os ritmos do twist, o fox-trot ou a música popular.
As fotografías foron achegadas todas polos membros das asociacións participantes: a SCD de Mourente, Amigos de Campolongo, AC Foula, A VV San Miguel de Marcón, AS Os Carballiños. AC Boavila, AC Veira do Río de Pontesampaio e AC Arume.
Para que a ambientación sexa a perfecta, recoméndase que os asistentes acudan convenientemente ataviados, coa roupa propia da época.
O toque moderno, e co fin de que todos leven un recordo desa noite, porao a instalación dun photocall polo que os asistentes que queiran poderán pasar e ser fotografados. Ademais, a web do Museo recollerá un enlace coas imaxes, para que todos os que o desexen poidan descargar o seu retrato.