A Deputación adxudicou obras en Caldas de Reis, Vilagarcía e Poio
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno un conxunto de obras en diversos concellos da provincia.
En concreto adxudicáronse á empresa Construciones Arosa obras por valor de 174.633 euros en Caldas de Reis para a pavimentación de camiños en Bemil, Sequeiros, Outeiro, Cesar, Arcos de Marán e de Ceboleira, San Martiño, Barreiros, Mariñoleira, Feitoso, Carracedo, Baltar e Pazo. O prazo de execución é de dous meses. Os traballos consisten na limpeza de cunetas, a mellora da capa de rodadura e a dotación dun novo pavimento.
Para Vilagarcía de Arousa, a Xunta de Goberno adxudicou a HPC Ibérica por 63.605 euros destinados ao parque infantil na Xunqueira. Trátase da renovación dun espazo singular para a infancia no que se retirarán as estruturas orixinais, instalarase un novo parque infantil con pavimentación de caucho. O parque ten unha área delimitada de forma trapezoidal de 300 metros cadrados. O prazo de execución de dous meses.
Para Poio adxudicáronse 75.245 euros para pavimentación e dotación de servizos de recollida de augas pluviais no Camiño de Tarrío, en Samieira, nunha zona de alto valor patrimonial. O prazo de execución é de 3 meses.