Tirando de tarxeta para reclamar melloras laborais
Por Redacción & Mónica Patxot
A tenda Pull&Bear de Pontevedra tivo na tarde deste venres un colapso, con máis dunha vintena de persoas ao mesmo tempo esperando para pagar. Non empezaran as rebaixas. Os clientes eran traballadores do sector do comercio e sindicalistas que decidiron tirar de tarxeta de crédito para realizar unha das súas protestas.
No establecemento creouse unha cola que parecía interminable. E por momentos foino, pois os traballadores que se uniron á protesta collían as pezas, poñíanse á cola, pagaban sempre con tarxeta, volvían poñerse á cola para devolver as pezas recén adquiridas recuperando o seu diñeiro e volta a empezar.
Non tiraron de tarxeta para que lles ocasionase a eles un gasto (ningún desembolsou nin un euro), senón que os gastos os ocasionaron ao Grupo Inditex, ao que pertence a tenda en estivérona de compras. Ao utilizar todos con tarxeta, cada compra realizada custa diñeiro á empresa. "A ver si facéndolles un pouco de dano conseguimos que a patronal reaccione", sinalaron os sindicalistas, que optaron por chegar á caixa con todas as pezas colgadas en perchas para retrasar máis a cola.
A protesta acordouse tras unha asemblea de delegados sindicais de CIG e UGT no sector do comercio. Nela acordaron iniciar unha serie de mobilizacións que non rematarán ata que consigan que as súas reivindicacións se escoiten, que logren melloras laborais nas mesas de negociación do sector.
Este xoves lograron que se consituyese a mesa de negociación do convenio do comercio da alimentación, pero o xesto non é suficiente para os sindicatos. O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, que se uniu á protesta, reclamou "unha negociación real. Non queremos mesas ficticias, como a de alimentación, que se abreu, pero que a patronal quere paralizar para seguir negociando despois de Nadal". Non están dispostos a aguantar intentos de negociación que non se traduzan en avances. A partir da próxima semana, as protestas estenderanse a comercios de alimentación.