Os 'xefazos' de Intermodes en Pontevedra, invitados polo Concello e Turismo Rías Baixas
Por Alejandro Espiño
Ano e medio despois de que Intermodes, unha axencia europea especializada en materia de mobilidade, premiase a Pontevedra pola iniciativa do Metro Minuto, os seus directivos visitarán a cidade para coñecer de primeira man o modelo urbano da cidade. A comitiva, composta por unhas 20 persoas entre membros da axencia e xornalistas de varios países, pasará catro días en Pontevedra, dende este mércores 17 de setembro.
Así o anunciou o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera. A principal novidade é que a organización desta visita non correrá a cargo unicamente do Concello de Pontevedra. Tamén colaborará Turismo Rías Baixas, organismo dependente da Deputación. Ambas as dúas partes entenden que asumindo "a medias" esta viaxe se pode aproveitar turisticamente este encontro.
"Era máis lóxico facer unha ampliación e que a visita non se quedara só no modelo urbano de Pontevedra, que é o que centrará ás xornadas", sinalou Mosquera, que cualificou ás Rías Baixas como un fenómeno xeográfico, gastronómico e turístico "único no mundo".
Os membros de Intermodes iniciarán a súa visita a Pontevedra cunha recepción que se celebrará o mércores ás 17.00 horas no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas. Ao día seguinte celebrarase a parte técnica deste encontro, con intervencións, entre outros, do intendente xefe da Policía Local, o enxeñeiro municipal ou o propio César Mosquera, para explicar aos asistentes o modelo urbano implantado en Pontevedra.
Durante a mañá do venres, sempre que o permitan as condicións climatolóxicas, está previsto que visiten a cidade acompañados por un grupo de expertos; mentres que pola tarde Turismo Rías Baixas os levará, entre outras localidades, a Combarro ou a illa da Toxa. Xa o sábado, último día desta viaxe, as visitas centraranse na parte sur da provincia de Pontevedra, a ría de Vigo e a desembocadura do río Miño.
Relacionadas:
-
"Moitas cidades envexan o modelo de Pontevedra, pero non se atreven a aplicalo por covardía política"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os membros de Intermodes, sobre Pontevedra: "ÿ fantástica, o seu modelo é único en Europa"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Welcome to Pontevedra, Intermodes!
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Intermodes escolle Pontevedra para celebrar en setembro o seu congreso anual
Por Redacción |
-
De Córcega, Gales e Escocia... a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
"Pontevedra é unha gran cidade e toda Europa debería aprender dela"
Por Alejandro Espiño |