Luis Tosar reivindica a actualidade de 'Los lunes al sol' coa condena aos sindicalistas de Pontevedra
Por Natalia Puga
No ano 2002 Luis Tosar rodaba unha película que narraba o día a día de varios parados afectados pola reconversión industrial de Vigo e condenados por participar nas protestas masivas contra os despedimentos. Los lunes al sol parecía un relato dunha época pasada, pero hoxe "por desgraza, está de actualidade, máis de actualidade que nunca".
Luis Tosar recordouna este sábado ante a caravana instalada ante a Audiencia Provincial de Pontevedra para protestar pola condena a tres sindicalistas de CIG e CC.OO pola súa participación nun piquete durante a folga da alimentación de 2009. O actor acudiu para mostrar o seu apoio aos sindicalistas que realizan dende hai máis dunha semana xornadas de xaxún rotatorio de 48 horas e botando a vista atrás a cando hai dez anos rodaba Los lunes al sol sinalou: "parece que eramos visionarios cando rodabamos aquela película".
"Pensabamos que o problema do paro se podía solventar e fomos a peor, agora os dereitos dos traballadores están practicamente esquilmados",, indica o actor recordando o drama do desemprego daquela película rodade en parte no estadio de Pasarón de Pontevedra. "Segue actualidade, por desgraza, porque está relatando unha realidade que é moi triste", concluíu.
Tosar animou os sindicalistas en xaxún porque, na súa opinión, "a única voz que poden ter os cidadáns é estar na rúa e pegar berros o máis alto posible para que escoiten as altas instacias" e fixo un chamamento á loita porque parece que se demostra que está empeñado en que vaian á cadea persoas que non fixeron nada e os delincuentes non van á cárcere, seguen campando ás súas anchas quen roubaron millóns e millóns e estafan á cidadanía".
O actor presenciou o cambio correspondente entre os sindicalistas de CIG e CC.OO. en xaxún dende o xoves. Deixouno o secretario de CIG-Mar, Xabier Aboi, quen valorou que durante estes dous días "o máis duro foi ou frío", pero estar sen comer "levouse bastante ben". E recordou que novas quendas de compañeiros seguirán coa protesta ata o 14 de decembro e o día 15 "haberá unha gran manifestación".