Welcome to Pontevedra, Intermodes!
O Palacete das Mendoza foi o lugar elixido polo Concello de Pontevedra e Turismo Rías Baixas para dar a benvida á cidade aos membros da axencia europea Intermodes, un organismo especializado en materia de mobilidade que premiou o modelo urbano da capital da provincia hai ano e medio. Acompañados de xornalistas de diferentes publicacións especializadas, chegaron a Pontevedra para coñecer de primeira man o seu modelo de cidade.
Foron recibidos, entre outras autoridades, polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez.
Para este xoves está prevista a parte máis técnica da visita. A delegación de Intermodes somerxerase nos proxectos de mobilidade aplicados en Pontevedra da man do enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas, que disertará sobre a mobilidade na cidade nos anos 90; ou César Mosquera, concelleiro de Ordenación do Territorio; que falará sobre como se reduciu o tráfico na cidade.
Tras estas dúas primeiras sesións, realizarase a primeira visita pola cidade. Estará centrada na aplicación do proxecto de Metrominuto, galardoado como a primeira rede peonil de Europa, e na iniciativa dos Camiños Escolares.
Xa pola tarde, será a quenda das conferencias do intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, que explicará o concepto destes camiños escolares; e do xefe do departamento de Comunicación do Concello, Antón Prieto; que debullará o xénese das iniciativas de Metrominuto e Pasominuto, recoñecidas pola axencia Intermodes.
Para rematar esta primeira xornada de traballo en Pontevedra, a comitiva fará outro percorrido pola cidade, centrado desta volta nas estacións de bus e de tren, o centro histórico e os paseos nas beiras dos ríos Lérez e Gafos.
A partir do venres, tras a última conferencia que pronunciará o alcalde de Pontevedra, os membros de Intermodes percorrerán, da man de Turismo Rías Baixas, varios dos enclaves turísticos más recoñecidos da provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
"Moitas cidades envexan o modelo de Pontevedra, pero non se atreven a aplicalo por covardía política"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os membros de Intermodes, sobre Pontevedra: "ÿ fantástica, o seu modelo é único en Europa"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os 'xefazos' de Intermodes en Pontevedra, invitados polo Concello e Turismo Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
Intermodes escolle Pontevedra para celebrar en setembro o seu congreso anual
Por Redacción |