A ponte dos Tirantes, primeiro paso para o Plan de Mobilidade
Por Redacción
Este luns, 3 de decembro, arranca o Plan de Mobilidade proposto polo Concello e consensuado coas distintas entidades locais de Pontevedra. Farao a través dunha primeira actuación que dotará de seguridade viaria e accesibilidade a rotonda da ponte dos Tirantes.
A actuación, adxudicada á empresa Crespo por case 210.000 euros, consiste na creación de pasos de peóns elevados e orellas en distintos puntos de acceso peonil á rontonda da ponte dende José Malvar, así como na entrada á propia ponte.
Está prevista a reordenación do tráfico no acceso e saída da rotonda cara Monte Porreiro, dado que na actualidade a distribución do tráfico nese punto é un tanto irregular.
O proxecto contempla a supresión dos dous carrís procedentes de Monte Porreiro pola avenida de Bos Aires, e proxecta canalizar este tráfico polos dous carrís que na actualidade son de saída da rotonda por Bos Aires, cara Monte Porreiro.
Dende o luns pola mañá, os vehículos xa verán cortado o tráfico no acceso actual á rotonda se proceden de Monte Porreiro, e serán canalizados por un dos dous carrís máis próximos á urbanización de Tafisa.
Na actualidade os coches que proceden de Monte Porreiro fan diversos cedas en pasos e peóns e mesmo en carrís
Esta reordenación do tráfico permitirá dar un acceso directo aos vehículos á rotonda da ponte, dado que na actualidade todos os coches que proceden de Monte Porreiro fan diversos cedas en pasos e peóns e mesmo en carrís, e non na rotonda propiamente dito.
A actuación na ponte dos Tirantes contempla, polo tanto, continuar o paseo fluvial do Lérez ata a ponte, ao gañar para o tránsito peonil e ciclista toda a superficie comprendida entre o pantalán que emprega o Centro Galego de Tecnificación (na actualidade remata aí o paseo) até o enganche dos tirantes da ponte.
Ademais, o proxecto tamén recolle gañar para o tráfico peonil e ciclista un dos carrís da ponte (o que está máis á dereita, en dirección ao Pazo da Cultura), actuación que non se materializará ata o vindeiro ano.