Vilagarcía, tres municipios nun dende hai un século
Por Redacción
Vilagarcía de Arousa está de centenario. Estano Vilagarcía, Carril e Vilaxoán. Este domingo 1 de decembro de 2012 cumprénse cen anos da publicación da Real Orde pola que o rei Alfonso XIII sanconaba a fusión dos que ata entón eran tres municipios independentes.
En virtude desta orde Alfonso XIII "tiña a ben dispoñer" que se rexeitaban as reclamacións feitas por nove veciños de Carril, incluído o seu xuíz municipal, e polo tanto ratificaba o acordo da Deputación de Pontevedra do 1 de maio do mesmo ano polo que acordaba a fusión dos concellos de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán.
Con esa sanción real púxose fin a un longo proceso de achegamento entre as tres vilas consideradas "irmáns" e sentáronse as bases para o nacemento da actual Vilagarcía de Arousa, o 1 de marzo de 1913. Ese día deixaron de existir aqueles tres concellos que, xunto co de Rubiáns, comezaran a súa andaina histórica coa Constitución de 1812.
Para conmemorar tal efeméride e "poñer en valor o moito de positivo que tivo aquela unión" (hoxe Vilagarcía de Arousa é a oitava cidade de Galicia), o Concello prepara un programa de actos de todo tipo.
Serán actividades institucionais, culturais, deportivas que se desenvolverán ao longo de todo o ano 2013. Na súa elaboración participan varias concellerías, que, en calquera caso, queren contar coa colaboración e a complicidade dos distintos colectivos e entidades do Concello e de todas as parroquias que o conforman, porque "en definitiva Vilagarcía de Arousa é a suma de tres vilas, dez parroquias e medio cento de entidades de poboación".
A unión en 1913 de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán foi a culminación dun proceso iniciado nos anos 80 do século XIX
A unión en 1913 de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán foi a culminación dun proceso iniciado nos anos 80 do século XIX, na que converxeron diversos factores, ás veces solapados. Foron fundamentalmente catro: a confusión dos límites territoriais, o déficit constante das facendas de Carril e Vilaxoán, a necesidade de ampliar o porto de Vilagarcía (que só se podía facer á costa de Vilaxoán) e a doazón da Illa de Cortegada ao Rei.
Aínda que a finais do século XIX houbo diversos pronunciamentos en favor da unión dos tres pobos, non foi ata o ano 1900 cando, coincidindo coa visita dos Reis a Vilagarcía, entraron en danza medios de comunicación, tanto locais como rexionais e mesmo nacionais, e tamén políticos de distinto signo e ámbito de actuación, entre os que destacou un, o exministro e exdiputado nacional Augusto González Besada.
Foi este ex diputado quen, aludindo a que só unidos se podería conseguir a subvención de 4 millóns de pesetas para facer as obras do porto, conseguiu vencer as eternas rivalidades protagonizadas principalmente polos caciques locais.
A doazón de Cortegada ao Rei, en 1908, e o seu fracaso (en 1910 foi necesaria facer outra doazón), fixeron inevitable a fusión dos tres pobos. As negociacións comezaron en 1911 e remataron coa unión o 1 de marzo de 2013. Dous anos despois comezaron as obras do porto.