Podemos Pontevedra invita á cidadanía a participar activamente no seu proceso constituínte
Por Redacción
Podemos, a formación política liderada por Pablo Iglesias, encóntrase en pleno proceso constituínte. E o círculo de Pontevedra pretende participar activamente nel. Consideran que a participación cidadá é fundamental e, por iso este domingo, instalaron mesas informativas nas prazas da Peregrina e a Verdura, para informar os interesados sobre a súa actividade na cidade.
O proceso de asemblea cidadá comezou o pasado mes de setembro coa presentación dos borradores dos principios éticos, políticos e organizativos que rexerán o funcionamento do partido. A composición destes documentos debaterase no seo dun encontro presencial que se celebrará en Madrid os días 18 e 19 de outubro. E xa en novembro se elixirán os candidatos a ocupar os órganos do partido a nivel estatal.
Concluído ese proceso, será a quenda de pensar nas eleccións municipais. Aínda que algúns dos membros de Podemos Pontevedra participaron, a título persoal, no nacemento de Marea Pontevedra, o partido aínda non tomou unha decisión de se se integrará neste movemento ou optará por presentarse en solitario ás eleccións á alcaldía de Pontevedra.
Dende Podemos Pontevedra, círculo que conta aproximadamente cunhas 400 persoas inscritas, invitan en todo caso a todos os pontevedreses a coñecer o seu traballo participando nunha das súas asembleas abertas, que se celebrarán os próximos 25 de setembro e 2 e 9 de outubro, ás 20.00 horas, no seu local social, situado na rúa Marquesa 5, 3ºJ.
Relacionadas:
-
Podemos Galicia e Marea Pontevedra achegan posturas de cara ás eleccións xerais
Por Redacción |
-
O círculo Podemos Pontevedra estuda a súa postura sobre a presenza de ENCE na Ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Marea e Compromiso por Galicia avanzan na súa folla de ruta cara ás municipais en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra preséntase coa vista posta nas eleccións municipais de 2015
Por Diego Espiño |
-
Espazo Ecosocialista propón crear unha candidatura cívica "para o cambio político real" nas municipais de 2015
Por Natalia Puga |
-
Podemos Pontevedra, abrumados ante a gran afluencia á súa primeira asemblea aberta tralas eleccións
Por Redacción |