A incubadora de empresas do Campus de Pontevedra custará preto de 1,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
Os responsables do Concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo, o Consorcio da Zona Franca e a Cámara de Comercio abordaron este martes o financiamento e o deseño do viveiro de empresas "Crea S2i" que acollerá a emprendedores en actividades de innovación social e sostible procedentes das titulacións do campus pontevedrés.
O edificio, situado na céntrica rúa A Barca, terá 849 metros cadrados de edificabilidade repartidos en seis plantas máis baixo, soto e ático.
Os promotores pretenden que o viveiro estea executado a finais de 2015, que é cando hai que xustificar o gasto, non obstante están pendentes de coñecer a cifras económicas das que pode dispoñer a Fundación Incyde, o Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa, que achegaría o financiamento. Zona Franca sufragaría un 20% do proxecto.
O presuposto global sitúase entre os 1,2 e 1,5 millóns de euros. A resposta do Incyde concretarase no prazo dun mes.
Para abreviar prazos sacaríanse xuntas a licitación o proxecto, a obra e o equipamento.
Na reunión deste martes tamén se avanzou no plan de necesidades específicas. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, detallou algunhas peculiaridades deste viveiro que promove fórmulas de emprego como o coworking, o traballo cooperativo, e que está ligado ás áreas de especialización do campus: a arte, a comunicación e a creatividade; o deporte, a saúde e o benestar; educación; innovación social e xestión, e medio ambiente e natureza.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que ademais de ceder o terreo e poñer a disposición os terreos, o concello tamén se fará cargo da licitación da obra.
Pola súa banda a Universidade e a Cámara de Comercio encargaranse da xestión desta incubadora de empresas, aínda que as portas están abertas para que participe algunha empresa interesada, dixo Salustiano Mato "posiblemente se cree unha fundación", apuntou.
Acollerá 40 iniciativas empresariais ao mesmo tempo que gozarán de programas de "mentoring" e aceleración, é dicir, os novos empresarios aprenderían da experiencia doutra persoa, un mentor ou titor, que se encargaría de ensinar, aconsellar e guíar aos emprendedores.
Ademais habilitarase unha carteira de investidores e, transcorrido certo tempo de rodaxe, un centro de negocios.
Relacionadas:
-
O espazo emprendedor de AJE recibe catro novos proxectos promovidos por estudantes universitarios
Por Redacción |
-
Máis de 500 viveiristas de Europa recalarán en Pontevedra os vindeiros 7 e 8 de maio
Por Redacción |
-
Pontevedra, sede na primavera dun congreso que xuntará emprendedores de España, Europa e EE.UU.
Por Alejandro Espiño |
-
Louro propón situar o viveiro de empresas da Universidade no edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Redacción |
-
O viveiro da Universidade construirase nun solar municipal da rúa A Barca
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Pontevedra será a sede dun viveiro de empresas temático, vinculado ás especialidades do campus
Por Alejandro Espiño |