Louro propón situar o viveiro de empresas da Universidade no edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Redacción
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, propón situar o viveiro de empresas da Universidade no edificio da Xunta en Benito Corbal.
O Concello de Pontevedra, a Zona Franca, a Universidade de Vigo e a fundación das Cámaras de Comercio (Incyde) teñen proxectado a construción dun viveiro de empresas temático relacionado coas titulacións que se imparten no campus nun terreo municipal na rúa da Barca.
Louro rescata a sua vella proposta do ano 2011, feita durante a campaña electoral das municipais, de reconversión da abandonada sede da Xunta de Galicia, na rúa de Benito Corbal 45, nun gran centro de emprego composto por un viveiro de empresas do sector servizos, aulas de formación (entre elas as do proxecto municipal ILES e posibles Escolas-Obradoiro) e dotacións relacionadas coa promoción do emprego das asociacións empresariais locais. E mesmo situar tamén alí oficinas institucionais do Concello, aínda que poderían ser doutras Administracións, relacionadas coa promoción do emprego.
O tenente de alcalde asegura "non comprender" como se pode anunciar a construción dun edificio de soto, baixo, seis andares e baixo cuberta na rúa da Barca cun investimento de 1,2 millóns de euros con fondos do Incyde "cando xa hai un edificio público moito mellor xa construído, máis grande, optimamente situado e totalmente abandonado e sen vías de reutilización".
Di o concelleiro socialista que a antiga sede institucional, con 5.802 metros cadrados, pode ser completamente reacondicionada interiormente "cun investimento moi inferior ao anunciado". Para el "sería moito máis racional, máis austero e, sobre todo, moito máis intelixente aproveitar unha dotación xa existente".
Para leva adiante a súa idea é precisa a implicación da Xunta de Galicia, que agora mesmo non participa do proxecto de viveiro. Sobre este aspecto Louro dí que "sería escandaloso que non quixeran participar nun proxecto desta orientación, afirma".
A maiores, o tenente de alcalde considera que o Concello e a Universidade tamén deberían sentarse a falar para solucionar o "grave problema " que supón para o campus de Pontevedra carecer dunha biblioteca central e unha residencia de estudantes.
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda arrefría os plans do Concello para converter en viveiro de empresas a vella sede da Xunta en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
A incubadora de empresas do Campus de Pontevedra custará preto de 1,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O viveiro da Universidade construirase nun solar municipal da rúa A Barca
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Pontevedra será a sede dun viveiro de empresas temático, vinculado ás especialidades do campus
Por Alejandro Espiño |