Cada semana algún pontevedrés presenta una denuncia falsa na Policía
Por Redacción
Denunciar falsamente a comisión dun delito, acusar alguén faltando á verdade ou denunciar ter sido vítima dun delito inexistente leva consigo unhas consecuencias, na maioría dos casos, moi desagradables para a persoa que as realiza. A pesar de que periodicamente a Policía insiste niso, os pontevedreses déixanse seducir por posibles beneficios desta forma de actuar e todas as semanas se detecta na Comisaría da Policía Nacional algún caso de denuncia falsa.
Toda denuncia presentada na Comisaría leva consigo a súa investigación, polo que, tarde ou cedo, se acaba descubrindo se alguén simulou ser vítima dun delito. No caso de Pontevedra, a media de infraccións deste tipo detectada sitúase en catro ou cinco por mes.
A última que saíu á luz produciuse o 21 de novembro, cando un home inventaba un asalto en plena rúa para ocultar que perdera un teléfono móbil valorado en 460 euros e conseguir, desta forma, que o seguro lle cubrise a adquisición dun novo. A mentira foi detectada polos investigadores e foi detido e imputado, tendo que comparecer ante o xuíz.
Segundo informa a Comisaría pontevedresa, as máis comúns son as denuncias de roubo con violencia que son as que admiten as compañías de seguros para resarcir os seus asegurados. Denúncianse roubos con intimidación para aproveitarse do seguro da casa, danos intencionados no vehículo para reparar a chapa e pintalo ou roubos para adquirir un novo móbil.
Unha variante desta modalidade é denunciar o roubo do vehículo cando interveu na comisión dun delito ou dun accidente e fuxiu ou non o declarou, intentando inhibirse da súa responsabilidade. E tamén se dan casos de persoas que acusan persoas con nomes e apelidos de ser autor dun delito inexistente, por exemplo, por vinganza.
Outros casos, tamén bastante comúns, son as denuncias de roubo con intimidación de carteiras ou de diñeiro á saída dun caixeiro, que adoitan utilizarse para ocultar un gasto extraordinario de diñeiro, evitar recoñecer a perda ou gastos inconvenientes de diñeiro ante un xefe ou ante a familia.
Son acusados tamén de denuncia falsa, os que inducen a realizar estas malas prácticas, eses que aseguran que "non" pasa nada", pero si que pasa. O inmediato é a detención e posta a disposición xudicial.