Fomento non sabe cando acometerá a reforma do nó de bombeiros
Por Oskar Viéitez
O Ministerio de Fomento aínda non sabe cando acometerá a reforma do nó de bombeiros. Así llo trasladou á deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila.
O Goberno explica que a concesionaria da autoestrada do Atlántico, Audasa, será quen acometa esta actuación cuxo proxecto aínda se está a redactar "no marco do protocolo subscrito entre a Administración Xeral do Estado e a devandita sociedade concesionaria" o 26 de decembro de 2012, "polo que non se pode concretar a data de inicio nin de finalización das obras", explica Fomento nunha resposta trasladada por escrito.
En liñas xerais, o Ministerio dará máis protagonismo á Ponte das Correntes con esta remodelación, xa que dende este os condutores poderán incorporarse á AP-9 en dirección a Santiago (o acceso cara a Vigo seguirase facendo polo mesmo vial que na actualidade). Por este punto sairán tamén os vehículos que procedan de Vigo, o que obrigará a que os dous carrís de Domingo Fontán pasen a ser catro ata Bomberos.
Haberá notables cambios na conexión coa PO-531, xa que se suprimirá o xiro á esquerda para acceder á autoestrada que tantos accidentes provocaba e aposta por unha saída directa da AP-9 cara a Vilagarcía aos condutores que chegan dende Santiago. Estes contarán tamén cun novo vial que os levará directamente á glorieta de Bomberos e derrubarase a ponte actual que servía de enlace coa autoestrada.