Aparatoso accidente de madrugada no centro de Marín
Por Redacción & Diego Torrado
Unha muller resultou ferida nunha colisión de dous vehículos durante a madrugada deste sábado no centro de Marín, na rúa Concepción Areal.
Segundo informa a Policía Local, os dous turismos, un Citroen Saxo e un Renault Modus, chocaron en pleno cruzamento coa rúa Estrada minutos despois da media noite, pero só a acompañante dun dos vehículos, no que viaxaba un matrimonio, tivo que ser trasladada a un centro hospitalario de Pontevedra a causa do golpe, aínda que o seu estado non era grave.
Pola súa banda o condutor do Citroen Saxo abandonou o lugar dos feitos, segundo apuntan testemuñas presenciais, obrigando aos efectivos policiais a acudir ao seu domicilio para tratar de localizalo.
A pesar da aparatosidade do accidente, só se produciron danos materiais en ambos os dous coches e tamén no mobiliario urbano da zona.
Ata o lugar dos feitos trasladáronse Policía Local de Marín, Protección Civil, 061 e mesmo unha patrulla da Policía Nacional.