A Brilat alerta de 130 lumes e posibles incendiarios na campaña de prevención de incendios
Por Natalia Puga
Vixiar e manter unha presenza disuasoria nas zonas asignadas, facilitar información temperá aos servizos de extinción dos conatos e/ou incendios que observen e notificar ás Forzas e Corpos de Seguridade a presenza de posibles sospeitosos de ter provocado un lume. Con estes tres obxectivos lanzáronse ao monte o 1 de agosto 23 patrullas militares dentro da campaña de prevención de incendios forestais. Rematada a misión, os seus mandos aseguran que "o obxectivo se considera cumprido".
A operación, na que os militares apoian a campaña de prevención de incendios da Xunta de Galicia, denomínase 'Centinela Gallego' e chegou este ano á súa quinta edición. Coordinada pola Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) de Figueirido, implicou a unidades das sedes da Brigada (Pontevedra, Asturias e Valladolid) e da Armada, pertencentes ao Tercio Norte de Infantería de Marina (Ferrol) e permitiu durante os dous meses de duración 'peitear' 385.000 quilómetros de monte galego.
'Centinela Gallego' realizou a súa última patrulla o 2 de outubro. Xa finalizada, a operación deixa un saldo de máis de 130 avisos de incendios, queimas de restreba, presenza de persoas sospeitosas e de material incendiario. En atención a estas cifras, dende a Brilat sinalan que a misión tivo un "balance positivo".
Entre os éxitos aos que fai referencia a Brigada, resaltan "o eficaz labor de vixilancia e disuasión que realizan as patrullas", así como "a boa aceptación que ano tras ano se demostra por parte dos cidadáns, circunstancia que foi posta de manifesto por todo o persoal participante na operación,".
Os soldados colaboraron na detención dun incendiario e a busca dun desaparecido
As patrullas despregáronse por 32 municipios e sete distritos forestais das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra e este ano deixan unha noticia que, en principio, non se corresponde cos obxectivos fundamentais da campaña, a vixilancia e disuasión. Así, o persoal despregado participou na detención dun presunto incendiario na zona de Trives (Ourense) e colaborou na busca dunha persoa perdida no municipio ourensano de Riós.
Ao longo dos dous meses de operación (tres se se ten en conta que en xullo realizaron tarefas de recoñecemento), non chegou a elevarse en ningún momento o nivel de alerta medio co que se iniciou a operación, que supuxo o despregamento de 23 patrullas (18 da Brilat e cinco do Tercio Norte de la Armada).
A Xunta de Galicia e o mando do operativo (que asume o xeneral xefe da Brilat, José Antonio Alonso) tiñan a capacidade de ampliar o nivel de alerta a alto (co despregamento de 50 patrullas e un helicóptero) ou extremo (75 e dous helicóteros) se detectaban un risco maior de que se producisen incendios, pero este verán de 2012 non o consideraron necesario.
Relacionadas:
-
Os soldados da Brilat dan 50 avisos no seu primeiro mes de operación contra os incendios
Por Redacción |
-
Defensa e a Xunta asinan o convenio para a vixilancia dos montes, que comeza o martes
Por Natalia Puga |
-
25 patrullas militares bótanse ao monte para disuadir os incendiarios e previr incendios
Por Natalia Puga |