Sanxenxo pretende dotar de puntos wifi gratuitos ás parroquias
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, adiantou que a Administración local presentará un proxecto ao Grupo de Desenvolvemento Rural O Salnés destinado a dinamizar e expandir o acceso a Internet naquelas áreas cun número menor de habitantes.
"A finalidade deste proxecto é conseguir que os veciños e veciñas conten cunha conexión estable e segura en espazos públicos", apuntou a rexedora, quen incidiu en que, en caso de que o Concello de Sanxenxo obteña a subvención precisa do GDR, que optará a conseguir o 100% do importe, os usuarios recibirán este servizo de forma gratuíta.
Para iso, o Executivo municipal aposta por situar puntos de acceso exteriores con deseño robusto e a proba das inclemencias como chuvia, vento, neve ou sarabia, así como unha antena omnidireccional para garantir a cobertura en cada localización.
O ámbito da Oficina de Turismo da Lanzada, da Casa Social Forestal As Canteiras, da Biblioteca Municipal de Vilalonga, do Centro Cultural de Nantes, da Casa de Cultura de Bordóns, así como A Revolta, Adina e Dorrón, serán os enclaves nos que o equipo de goberno quere ofrecer Internet gratuíto.