Inician os traballos de acondicionamento do novo parque forestal de Gatomorto, en Xeve
Por Redacción
A creación dun parque forestal en Gatomorto, Xeve, está máis preto tras iniciarse os primeiros traballos despois da restauración paisaxística e creación de camiños a beiras dos ríos Lobada e Fens.
Os concelleiros Demetrio Gómez, Anxos Riveiro e Miguel Filgueira visitaron este martes a zona en compañía de representantes da Comunidade de Montes de Santa María de Xeve.
Ao longo do mes de novembro rematará esta fase, actuando nunha parcela de 6,03 hectáreas que actualmente carece de uso, toda vez que cesou a actividade no campo de fútbol.
Así entre os proxectos destaca a idea de habilitar un circuíto para bicicletas todo terreo aproveitando o propio campo de fútbol, aínda que o seu deseño definitivo se consensuará con afeccionados a este deporte, asociacións ciclistas e o IMD.
Prestarase especial atención a restaurar a vexetación con especies autóctonas e crearase unha zona de aparcadoiro acoutada para garantir o uso peonil ou ciclista do parque.
O proxecto considera tamén a rehabilitación dos muíños da parcela coa creación dunha zona para realizar actividades deportivas relaxantes como ioga ou taichi e a instalación dun parque biosaludable.