Os veciños de Pontesampaio abordarán en asemblea as propostas que trasladarán ao goberno local
Por Oskar Viéitez
A Asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio 1809 convocou unha asemblea para o xoves día 9 ás oito da tarde no Centro cultural de Ponte Sampaio, para analizar o circuíto de tráfico aplicado no verán e que segue funcionando actualmente, "sen que dende o concello fixesen caso ao requirimento que se fixera dende as asociacións veciñais", reza o comunicado.
Heroes tomou a decisión de convocar aos veciños, pais de alumnos do colexio de Ponte Sampaio e outros colectivos da parroquia tanto deportivos coma usuarios do mercado "dado que a semana pasada a ANPA convocou unha reunión e a participación foi escasa".
O colectivo veciñal tamén quere facer chegar unha proposta ao Concello para que adquira os terreos que hai en fronte ao colexio para destinalos a aparcadoiro para os pais de alumnos e profesorado, "xa que en inverno os coches hai que deixalos lonxe e os nenos chegan mollados a clase, e teñen que permanecer así durante todo o horario escolar".
Segundo esta proposta nestes terreos situaríase un pavillón de deportes que serviría para que os nenos do colexio poidan facer ximnasia e deporte xa que agora mesmo non contan con instalacións. Non só para uso escolar, esta asociación suxire que fóra do horario lectivo este recinto deportivo poida ser usado polos colectivos e veciños en xeral da parroquia.
"A pesar de ser o 2014 o ano do rural, en Ponte Sampaio isto non se notou"
Heroes recorda ao concello que "a pesar de ser o 2014 o ano do rural, en Ponte Sampaio isto non se notou", polo que invitan o goberno local a que invistan nestas obras que son do agrado dos veciños da parroquia.
Relacionadas:
-
Héroes de Ponte Sampaio pide a compra dos terreos fronte ao colexio público para crear un aparcadoiro
Por Redacción |
-
Preocupación veciñal en Pontesampaio polos cambios de tráfico
Por Redacción |
-
O ámbito da Xunqueira de Ponte Sampaio, obxecto dunha amplia reordenación do tráfico rodado
Por Alejandro Espiño |