A Garda Civil de Pontevedra celebra a súa patroa co cadro de mando renovado
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra celebrou este domingo os actos conmemorativos do Día do Pilar, patroa do Instituto Armado. Como novidade nesta ocasión a Comandancia pontevedresa ten ao completo a súa cúpula de mando. Esta componse do coronel xefe, Miguel Estévez Lara; o tenente coronel xefe de operacións, Manuel Touceda Souto, e dous comandantes, uns dos cales leva Policía Xudicial e Información e outro Material e Apoio.
O coronel xefe, Miguel Estévez que ascendeu de tenente coronel e agora mesmo está en comisión de servizo, afirmou que asume esta nova responsabilidade "con naturalidad porque ya son muchos años estando aquí en Pontevedra", e destacou que a festividade da virxe do Pilar a vive con "la oportunidad y el placer de estar representando a todos mis compañeros".
Entre os seus retos encóntrase "mejorar la seguridad ciudadana y el bienestar social de los guardias civiles" e sinalou especialmente que "en el tema de los acuartelamientos tenemos mucho que mejorar todavía".
Con motivo desta festividade da Benemérita impúxose a cruz da orde do mérito do corpo da Garda Civil ao tenente Pablo Lorenzo e ao sarxento Raúl Louro como responsables da investigación que permitiu a captura do barco "Ratonero" o pesqueiro do Grove que foi abordado en febreiro de 2012 con 2.200 quilos de cocaína.
Igualmente impúxose esta mesma distinción ao maxistrado pontevedrés Xermán Varela, titular do Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra.
Dentro destes actos festivos tamén se celebrou unha comida de confraternidade e houbo unha festa especial dedicada aos nenos.