A herdanza de Crucita é unha "pataca quente"
Por Redacción
O BNG de Marín ven de presentar unha moción na que solicita que o inmoble doado por Cruz Gómez Solla na rúa do Sol se destine á creación dun centro cívico municipal destinado á xuventude.
"Queremos que o Concello asine coa Xunta de Galicia un convenio de colaboración para rehabilitar e poñer en funcionamento como centro cívico municipal, as dúas casas doadas por María de la Cruz Gómez sitas na rúa do Sol número 12, co fin de destinalas a uso social e cultural para os nenos e mozos do noso municipio", explica a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
No ano 1997 a Xunta de Galicia aceptou a doazón por parte de Cruz Gómez, máis coñecida como Crucita, de dúas casas situadas no número 12 na rúa do Sol do municipio de Marín para destinalas á acollida menores de idade con necesidades.
A casa de acollida de menores foi xestionada pola Xunta durante dez anos, pero dende o ano 2007 pechou estas dependencias porque as instalacións non cumprían coa lei de riscos laborais, segundo un informe do Valedor do Pobo.
Pilar Blanco recorda que a pesar de que no ano 2010 o Pleno da Corporación Municipal tomou o acordo unánime de solicitar á Xunta de Galicia a rehabilitación integral do inmoble co fin de darlle un uso social e "a Xunta do PP non fixo nada", afirma.
"ÿ máis, en febreiro deste ano 2014 a administración autonómica quixo renunciar á doazón que fora aceptada polo Consello de Xunta ( Decreto 101/1997 de 17 de abril) coa intención de que revertese nos herdeiros da benfeitora, pero estes xa comunicaron que non se fan cargo do inmoble porque consideran que a reversión do edificio debe realizarse en condicións idénticas condicións a como foi entregado á Xunta en 1997", explica.
DETERIORO CONTÍNUO
Mentres a administración autonómica e os herdeiros non se poñen de acordo, a edificación sofre unha deterioración continúa tanto nos pisos superiores como no baixo comercial: "Isto non se pode permitir nun local que segue sendo público a todos os efectos, e cando, ademais, a edificación está dentro da área de rehabilitación integral da zona antiga de Marín, o cal facilitaría a consecución de fondos para a súa rehabilitación".
"Non podemos consentir que a pasividade do goberno local do PP e do goberno da Xunta impida que Marín poida contar cunha dotación pública no centro da cidade e con todas as posibilidades para poder destinalo ao benestar social e cultural da nosa mocidade", finaliza a portavoz do BNG, Pilar Blanco.