Máis gas para Sanxenxo
Por Redacción
O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo abordará na sesión que celebrará mañá mércores a solicitude de licenza cursada por Gas Galicia para poder acometer as obras de instalación de tramos de tuberías de gas natural na praza de Pontevedra e nas céntricas rúas Armonia e Augusto González Besada, situadas no casco urbano da vila sanxenxina.
A petición conta cos informes municipais favorables, tanto técnicos como xurídicos, e a execución dos traballos propiciará o incremento dos servizos que reciben os veciños da zona.
Iso si, os técnicos do Concello de Sanxenxo deixan claro as condicións que deben rexer as tarefas como a necesidade de acometer un replanteo previo por parte dos servizos municipais para decidir o trazado da instalación, así como o tipo e alcance das reposicións de bens afectados.
E é que o titular da autorización está obrigado a restituír, ao seu cargo, os elementos da rúa e demáis servizos que resulten danados polas obras.
Protocolo Urxencias
Doutra banda, desde o Servizo Local de Urxencias están colaborando con Gas Galicia para actualizar o protocolo ante incidencias ocorridas na distribución de gas.
Para iso, o responsable de Protección Civil do grupo facilitou ao departamento municipal os plans de urxencia da subestación eléctrica de Vilalonga, da estación de regasificación de Fontoira e da rede de distribución.
Con este material, o Servizo Local de Urxencias pode traballar nos seus protocolos internos, así como sobre os propios plans e propoñer á empresa posibles melloras e correcciones necesarias que puidesen apreciar.
Segundo explicaron desde esta área, todo iso contribuirá a optimizar a resposta no caso de que se produza calquera tipo de incidente.