A imaxe de Juan Pablo II sae por primeira vez de San Xosé para pasear por Campolongo
Por Redacción
Coincidindo coa festividade de Juan Pablo II, que se celebra o 23 de outubro, a parroquia de San Xosé de Campolongo sacou á rúa por primeira vez a imaxe do ex Papa, canonizado o pasado mes de abril, cuxa figura se venera neste templo pontevedrés. Unha procesión nocturna, na que os asistentes portaron fachos, percorreu parte do barrio este venres para homenaxear o santo.
A talla, que foi portada por varios costaleiros, saíu da igrexa de San Xosé tras a celebración dunha misa oficiada en honor a San Juan Pablo II. Acompañárono decenas de fieis que participaron nesta procesión polos arredores do templo.
A celebración completouse cun magosto popular e coa música do grupo de gaitas Os Alegres.
Era a primeira vez que esta imaxe de Juan Pablo II saía da súa igrexa. Foi encargada hai un ano polo novo párroco de San Xosé, Casimiro Fernández Núñez, quen profesa gran devoción polo papa polaco.
Trátase dunha escultura de fibra de vidro, de 1,82 metros de altura e apenas 50 quilos de peso. Ten factura italiana e nela Juan Pablo II está representado co báculo de metal que porta nunha man, que o identificou durante todo o seu pontificado e que é o mesmo que levou Pablo VI. Tamén leva un Cristo característico da década do 60 que é o que sempre utilizou. O atavío papal compleméntase coa casula e a mitra branca.