O Ministerio premia de novo a Sanxenxo polo programa local de animación á lectura
Por Redacción
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte acaba de premiar de novo o Programa de Animación á Lectura posto en marcha pola Rede de Bibliotecas Municipais, en colaboración co departamento de Animación Sociocultural.
Trátase do duodécimo ano que este plan local é galardoado no certame de ámbito nacional 'María Moliner', dirixido ás bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes e que distingue as mellores accións de dinamización e as actividades que promovan a lectura, tanto entre nenos e mozos coma tamén entre outros colectivos sociais.
'A terra dos contos' é o nome do proxecto distinguido e que supoñerá a incorporación aos fondos da Rede de Bibliotecas dun lote de integrado por 181 libros, fundamentalmente de temática infantil e xuvenil, así como subscricións anuais a revistas de ámbito cultural.
A Rede Municipal de Bibliotecas que conta con instalacións nas vilas de Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga, suma 111 postos de lectura para adultos e 55 para nenos. Con esta nova achega os fondos da rede achéganse aos 40.000 volumes dos que se poden beneficiar todos os usuarios.
As distintas actividades incluídas no Programa de Animación á Lectura, como son Animación nos centros de ensino, Sábados lectores, Coñece a túa biblioteca ou Contos de Nadal, están plenamente consolidadas entre os nenos de Sanxenxo que cada ano participan nestas accións, que introducen en cada edición novas propostas que permitan chegar a máis persoas e estender a dinamización da lectura, formando e fomentando futuros lectores.
Relacionadas:
-
O proxecto 'CampoCultura=CampoLee', premio María Moliner do Ministerio de Cultura
Por Redacción |
-
A biblioteca de Sanxenxo repite premio. E van 15!
Por Redacción |
-
A "Biblioteca quitapenas" cambia as sancións por alimentos
Por Oskar Viéitez |
-
'Noite de terror' na biblioteca de Sanxenxo
Por Redacción |