Os socialistas critican que Louzán informe antes ó PP sobre os orzamentos que aos grupos da Deputación
Por Redacción
O grupo provincial socialista na Deputación lamentou que o presidente da entidade Rafael Louzán reúna a seus alcaldes e conselleiros para informarlles dos orzamentos da Deputación de Pontevedra sen que tan sequera os grupos da entidade provincial teñan coñecemento das liñas principais.
Santos Héctor, voceiro do PSdeG-PSOE, lamenta que Louzán que non dixera nada no pleno do venres das liñas do próximo orzamento da entidade "e o luns xunta aos alcaldes do Partido Popular e fálalles destes orzamentos".
"Trátase dunha falla de transparencia total -sinala Santos Héctor- que non se informe a corporación provincial pero si se teña tempo para darlle a información aos membros do Partido Popular".
O voceiro do Partido Socialista na Deputación e secretario xeral provincial asegura que é a forma de traballar de Louzán "que trata a Deputación como a súa casa co clientelismo típico dos caciques".