Un congreso a celebrar en Pontevedra amosará como os grelos e as nabizas axudan a previr o cancro
Por Alejandro Espiño
Un congreso que se celebrará en Pontevedra en maio de 2017 acollerá a presentación dos resultados dunha investigación que se está a realizar dende hai varios anos nas instalacións que a Misión Biolóxica de Galicia ten en Salcedo. Nela, estase analizando o alto valor nutricional e as propiedades anticanceríxenas e antioxidantes das hortalizas como as nabizas, o repolo ou os grelos.
Segundo explicou a vicedirectora deste centro dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Elena Cartea, este tipo de produtos no campo das hortalizas son as terceiras en importancia, tras as patacas e os tomates, e destacou o seu gran potencial non só pola súa achega nutritiva senón pola axuda que, algúns dos seus compostos, poden proporcionar para previr o cancro.
O estudo da misión biolóxica céntrase nestes produtos por ser o cultivo que ten máis interese para o consumidor galego. Entre as súas características figura que contén glucosinolatos, unha substancia que ademais de proporcionar o sabor amargo a estas plantas é a que axuda a reducir as posibilidades de sufrir un cancro.
Na fase actual deste proxecto, o centro pontevedrés desenvolve varias liñas de investigación. Unha delas é analizar cal é a mellor forma para cociñar estes alimentos para que non perdan as súas propiedades durante a cocción e outra, en colaboración coa conservera A Rosaleira, para comprobar cal é o procesado industrial que incide nunha mellor preservación destas condicións.
Dende o punto de vista médica, trátase de demostrar mediante unha serie de ensaios in vitro os efectos que estes alimentos poden ter en diferentes tipos de cancro, especialmente o de mama e o de próstata; mentres que dende o punto de vista xenético se intentan illar as substancias que axudan a previr estes tumores para mellorar os cultivos e maximizar o contido destes compostos nutricionais en grelos e berzas.
Este congreso de Pontevedra, que sucederá ao que se celebrou en Sicilia (Italia) en 2012, é moi importante para este centro pontevedrés porque, segundo sinalou Elena Cartea, o grupo de traballo deste cultivo "no tiene otra forma de presentar estos resultados", polo que avanzou que esta cita, que ten carácter internacional, "será muy importante para nosotros en este sentido".
Relacionadas:
-
O Liceo Casino, sede dun simposio internacional sobre proteínas vexetais
Por Redacción |
-
Talento pontevedrés para facer fronte á praga dos taladros
Por Oskar Viéitez |
-
A Misión Biolóxica descobre os segredos do Mencía
Por Redacción |
-
Científicos pontevedreses descifran os segredos do herbario máis antigo do mundo
Por Redacción |
-
Máis de 100 investigadores de 24 países participarán no Symposium on Protein Cropws
Por Redacción |
-
O Goberno aposta por dous proxectos pontevedreses para mellorar o cultivo do millo
Por Redacción |