Eugenio Giráldez, proposto ao Premio Cidade de Pontevedra
Por Redacción
O xornalista Eugenio Giráldez Villar, ex xefe de informativos de Radio Pontevedra e Localia Televisión Pontevedra, está proposto para os Premios Cidade de Pontevedra na categoría de persoa física que se ten distinguido polo seu valor persoal e o seu servizo á cidade e Concello de Pontevedra.
Virtual Vedra Comunicación S.L., empresa editora de PontevedraViva.com, presentou a candidatura este venres 7 de decembro no Rexistro Municipal. Tal e como establecen as bases do galardón, o xornalista foi informado e aceptou a súa candidatura.
Na documentación presentada por rexistro recóllese que Eugenio Giráldez "ao entender da nosa empresa, personifica exemplarmente os valores que anualmente son premiados nos Cidade de Pontevedra".
A candidatura recolle un breve currículo cos méritos do candidato no que destaca a súa traxectoria persoal e se pon como un exemplo representativo do sector periodístico que está a atravesar unha época de crise que pon en perigo a liberdade de expresión.
Trátase dun profesional de referencia na cidade dende hai 31 anos cando entrou a traballar como xefe de informativos e locutor de Radio Pontevedra e, posteriormente, de Localia Televisión Pontevedra. Ademais, sempre prestou atención e apoio aos compañeiros que perderon os seus postos de traballo na cidade nos últimos tempos.
Este mesmo ano, sufría persoalmente as consecuencias da crise no sector xornalístico. Primeiro, co peche o 29 de febreiro de Localia Televisión Pontevedra e, este martes 4 de decembro, co seu despedimento da emisora Radio Pontevedra.
A proposta de PontevedraViva.com coincide cun movimento cidadá de apoio ao xornalista xurdido nas redes sociais. Neste sentido, creouse un grupo no facebook que pide tamén que se lle conceda a Eugenio Giráldez o Premio Cidade de Pontevedra e que impulsa Miguel López.