O BNG presume do éxito das súas asembleas abertas e dun Lores "con máis ilusión ca nunca"
Por Alejandro Espiño
Ser o partido máis votado en Pontevedra nas próximas eleccións municipais "pero sen poñernos límites". ÿ o obxectivo que se marca o BNG, segundo o seu responsable local, Raimundo González, de cara aos comicios de maio. "Pelexaremos ata o último voto e o último concelleiro", afirmou. E para iso, a maquinaria electoral nacionalista para as municipais de maio xa está a pleno rendemento.
Dende o pasado 19 de setembro, o BNG veu celebrando unha serie de asembleas abertas que, segundo Carme da Silva, contan cun "elevado nivel participativo" tanto pola asistencia de xente como pola presentación de propostas para o futuro programa electoral. ÿ a confirmación, dixo, de que Pontevedra ten unha sociedade "moi activa", con ganas de participar na solución de problemas e "comprometida e ilusionada" co futuro da cidade.
Raimundo González sinalou que, dende que comezaron a celebrarse estas asembleas abertas, participaron nestes encontros por barrios, parroquias ou sectores máis de 1.200 persoas, das cales un 70% non eran militantes do BNG, senón membros do tecido asociativo da cidade ou individuos a título particular. A un ritmo de "tres ou catro" por semana, organizáronse xa 23 actos por todo o municipio.
A todos eles asistiu Miguel Anxo Fernández Lores, sobre o que todos os asistentes a estas asembleas coincidiron por "unanimidade" en que é o mellor candidato. E o interesado, segundo o responsable local do BNG, está "con máis ilusión ca nunca" para repetir á fronte dunha alcaldía que ostenta dende 1999 e ante os "novos retos" que se presentan para a cidade nos próximos anos.
Fernández Lores encabezará unha candidatura que se desvelará "o máis avanzada posible" antes do próximo 29 de novembro
Fernández Lores encabezará unha candidatura que se desvelará "o máis avanzada posible" antes do próximo 29 de novembro, data na que o Consello Nacional do BNG aprobará os primeiros tramos das listas ás eleccións municipais. A de Pontevedra, segundo Raimundo González, estase a ultimar baseada en dous criterios: respectar o "núcleo fundamental" do actual grupo municipal do BNG e incorporar persoas novas.
"Temos que aproveitar o cerme do grupo existente. A valoración que se fixo nestas asembleas do traballo do grupo municipal nestes tres anos e medio foi excelente", afirmou o actual edil de Facenda. Neste sentido, avanzou que a disposición de todos os actuais concelleiros para repetir na candidatura é "unánime", aínda que algúns terán que deixar paso a novas caras "que non teñen por que ter o carné do BNG pero si compartir os principios nacionalistas".
Tras suxerir que "haberá sorpresas" na lista do BNG en Pontevedra, Raimundo González reiterou que a formación está inmerso nun proceso "ilusionante" e esperan chegar a maio cunha candidatura "forte e potente" que represente aos diferentes barrios e parroquias do municipio. Todo iso para "dar un salto adiante" con respecto á actual Pontevedra durante o próximo mandato.
Relacionadas:
-
Demetrio Gómez, número 3 na candidatura do BNG; Miguel Filgueira quedará fóra da corporación
Por Redacción |
-
Anabel Gulías, primeira sorpresa da listaxe de Lores para as municipais de 2015
Por Redacción |
-
Fernández Lores: "So hai unha persoa que non quere que me presente á reelección: a miña muller"
Por Oskar Viéitez |
-
Lores reitera a súa intención de presentarse á reelección en 2015: "Estou con máis ímpetu que nunca"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores: "Presentareime á reelección no 2015 se os cidadáns confían en min e a miña forza política tamén"
Por Alejandro Espiño |