Pontevedra tínguese de azul para pedir que se cree un protocolo de atención a escolares con diabete
Por Redacción
Inundar Pontevedra cunha marea azul para reivindicar maior atención sobre as consecuencias da diabete en idade infantil e que se elabore un protocolo de atención a escolares con diabete na comunidade galega. Ese é o obxectivo que se marcou a Asociación de Nenas e Nenos con Diabete de Galicia (Anedia) con motivo do Día Mundial da Diabete 2014 e este xoves deu os primeiros pasos para conseguilo. Non só por intentar iluminar de azul a fachada do antigo edificio do Concello, senón porque conseguiu que apoien a causa os representantes en Pontevedra das dúas consellerías con competencias na materia, Educación e Sanidade.
A iluminación do antigo Concello de azul quedou nun intento por segundo ano consecutivo. En 2013 a pretendida luz azul quedou nun ton carmesí e este 2014 nun azul moi clariño que máis semellaba un amarelo. A pesar de que non conseguiu a vistosidade da pedra azulada, dende Anedia amósanse agradecidos pola colaboración dos grupos de Goberno do Concello de Pontevedra e satisfeitos co resultado do acto. En especial, polo respaldo ás súas reivindicacións que supón a presenza no acto de iluminación de responsables da FANPA, do CHOP e dos departamentos autonómicos de Educación e Sanidade, entre eles os xefes territoriais de ambas as dúas consellerias, César Pérez Ares e Ángeles Feijóo.
Resgardados no vestíbulo do edificio porque a chuvia non cesou de saír en toda a tarde, os presentes mostraron o seu apoio unánime ás reivindicacións de Anedia. O xefe de pediatría do CHOP, José Antonio Couceiro, leu unha carta de respaldo ás reivindicacións na que deu o seu apoio explícito á creación dun protocolo de atención a escolares con diabete en horario escolar, na liña dos xa existentes noutras comunidades.
A presidenta de Anedia, Ana Pérez, destacou o éxito do primeiro dos actos da semana, unha visita guiada polo casco histórico, a pesares de estar augada pola tormenta. E aproveitou para reclamar que a Administración elabore o citado protocolo.
"Confiamos en que o traballo iniciado o curso pasado polas consellerías de Educación e Sanidade continúe e fructifique na apertura de negociacións para acadar canto antes un protocolo que consideramos imprescindible", reclamou. E anunciou que dende Anedia seguirán traballando "para que os menores con diabete poidan convivir en igualdade", un obxectivo para o que na actualidade resulta fundamental o traballo de moito persoal educativo, que axuda aos nenos a pesar de carecer dun protocolo de actuación específico.
Os actos continuarán este venres cunha carreira solidaria polas rúas de Pontevedra, unha milla urbana de 1,6 quilómetros polas rúas do casco histórico non competitiva na que xa teñen inscrito a máis de medio millar de participantes. A convocatoria mantense para as 18.00 horas na Praza de España a pesar das previsións de chuvia.
Relacionadas:
-
O CHOP, disposto a ser o primeiro hospital de Galicia cun protocolo de atención a nenos con diabete
Por Redacción |
-
Sendeirismo e convivencia na Fracha para concienciar sobre a diabete infantil
Por Redacción |
-
Ruta polo río Tomeza para concienciar sobre a diabete infantil
Por Redacción |
-
Os comedores de Pontevedra estrearán "de xeito inmediato" menús personalizados para escolares con diabete
Por Redacción |
-
O apalpador visitará a Casa Azul para concienciar sobre a diabete infantil
Por Redacción |
-
Unha 'marea azul' de 400 corredores percorre unha milla do casco histórico
Por Redacción |
-
Animan a inundar Pontevedra cunha 'marea azul' contra a diabete
Por Alejandro Espiño |
-
Núbebes despide a súa segunda edición tras unha divertida fin de semana
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Por que o Concello se pinta de azul?
Por Redacción |