Usuarios e familiares de Aspace compiten en Pontevedra na busca da mellor tortilla
Por Redacción
Buscar a mellor tortilla feita en Pontevedra. Era o obxectivo do concurso que se celebrou este venres nas instalacións que a asociación Amencer-ASPACE ten en Pontemuíños.
Un total de sete parellas, compostas por unha persoa con parálise cerebral acompañada dun pai, nai ou un profesional da entidade, enfrontáronse por conseguir unha praza na gran final e facerse con premio á mellor tortilla da nosa comunidade autónoma.
A eliminatoria estivo moi reñida e finalmente Vitor Maragalha e a súa nai Fátima Pereira conseguiron imporse cunha tortilla tradicional e moi saborosa. Na final, que se celebrará antes de que remate este ano, terán que medirse ás parellas representantes de ASPACE-Coruña e APAMP (Vigo).
O restaurador Pepe Vieira, o blogueiro gastronómico Alberto Rivas, o pasteleiro Daniel Diéguez e a concelleira María Biempica foron os membros do xurado deste concurso. Todos eles destacaron a grande calidade das tortillas elaboradas polos participantes e salientaron a importancia de iniciativas coma esta, na que participaron de forma desinteresada diferentes empresas do sector de alimentación.
Este concurso enmárcase na actividade denominada "En ASPACE Cociñamos Xuntos" unha divertida iniciativa gastronómica que forma parte das actividades do Ano Galego da Parálise Cerebral e que organiza ASPACE-Galicia.