Escolares de Lérez descubren en Pontevedra unha nova especie de cogomelo
Por Redacción
Os alumnos do CEIP San Bieito de Lérez atoparon o pasado mes de novembro unha nova especie de cogomelo nunha das saídas que fixeron ao monte xunto a Jaime Dios Blanco, da Asociación Micolóxica Brincabois. E como o descubrimento foi en Pontevedra, o cogomelo recibirá o nome da cidade. Esta nova especie atopada será descrita próximamente nunha revista especializada co nome de Cheimonophyllum pontevedrensis.
Durante a saída ao monte dos participantes do San Bieito de Lérez atoparon un cogomelo que Jaime Blanco Dios, da Asociación Micolóxica Brincabois e monitor destes obradoiros, describe como "un xénero do que só hai tres especies descritas a nivel mundial. Este cogomelo non coincide nin macro nin microscopicamente con ninguna delas, polo que é unha especie nova para a ciencia".
O novo cogomelo encádrase nun xénero do que só se coñecen tres especies a nivel mundial, unha das cales Cheimonophyllum candidissimum, é a especie máis próxima e a única deste xénero coñecida ata o momento en Europa, e da que se diferencia especialmente polo sombreiro de cor crema, presenza de pe claramente diferenciado e con recubrimento furfuráceo, esporas perfectamente esféricas e de menor tamaño, queilocistidios de formas diversas e hábitat sobre madeira podre de toxo.
Esta saída micolóxica estaba incluída dentro dos catro obradoiros de achegamento a esta actividade para alumnos de Educación Infantil e Primaria que organizou no mes de novembro a Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos Equipos de Normalización dos centros de ensino da zona norte do concello.
Cada un destes obradoiros de achegamento á micoloxía consta dunha charla de introdución ao mundo da micoloxía, unha recollida de cogomelos no monte e, finalmente, a montaxe dunha exposición cos nomes en galego dos cogomelos recollidos.