O PP denuncia unha "longa lista de compromisos incumpridos" do Concello de Pontevedra
Por Redacción
O proxecto de redacción dun novo PXOM que César Mosquera "mantén pechado nun caixón por pura teimosía" é o máis representativo, segundo o Partido Popular, dunha "longa lista de compromisos" do equipo de goberno do Concello de Pontevedra que "foron descartados ou simplemente esquecidos" desde as eleccións de maio do 2011.
Nesa relación, "que converte o abandono de responsabilidades nun sinal de identidade dos concelleiros de Fernández Lores", o PP destaca a reforma da rúa de Loureiro Crespo, unha iniciativa tiña un orzamento superior aos 4 millóns de euros, ou o Museo da Historia, "o proxecto estrela de Teresa Casal", paralizado semanas despois das eleccións municipais", e que denuncian que ocupa unha zona que "é hoxe unha esterqueira".
Ademais, os populares recordan que tamén foron paralizados outros proxectos como o novo refuxio para animais, "coa obra xa iniciada en Cerponzóns", as medianeiras da Peregrina, "unha idea que durme á espera de que Antón Louro decida espertala", o servizo de Pillabici, ou a Rolda Urbana, da que "Lores prometeu en campaña que a iniciaría con fondos municipais e daquela promesa non se volveu a escoitar nada".
Segundo Jacobo Moreira, as únicas actuacións que se están a executar "cun custo case anecdótico" é a ampliación do carril-bici pola ponte dos Tirantes, a restrición do tráfico no tramo inicial de Benito Corbal, e a reforma da praza do Campo da Torre "cunha forte contestación veciñal".
"Pero paralelamente á política de esquecer compromisos, BNG e PSdeG-PSOE seguiron incrementando a presión fiscal sobre os cidadáns", denuncia o voceiro popular, que destaca pola contra os sete millóns de euros comprometidos pola ministra de Fomento, Ana Pastor, para o desdobramento previsto da avenida de Vigo.