Escaso apoio cidadán á manifestación pontevedresa contra a Lei Mordaza
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Os pontevedreses evitaron secundar de xeito masivo a manifestación en contra da Lei de Seguridade Cidadá convocada por Alianza Social Galega para este domingo 23 de novembro e arredor de douscentos pontevedreses acudiron á cita para percorrer a cidade dende a Praza da Ferrería ata a Subdelegación do Goberno pasando polas rúas do centro urbano.
Algúns dirixentes sindicais afirmaban que se producira un silencio informativo durante os últimos días como causa da escasa participación. Na marcha encontrábase o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e concelleiros do BNG no Concello de Pontevedra como Demetrio Gómez, Carme da Silva, Pilar Comesaña ou a número dous da lista para as próximas eleccións municipais, Anabel Gulías. Tamén asistiu o concelleiro socialista, Agustín Fernández. Representantes das federacións veciñais Teucro e Castelao xunto aos secretarios comarcais de UGT, CIG e CC.OO. encabezaban a protesta tras a pancarta na que se lía: "Non á lei de seguridade cidadá. Non á represión da mobilidade social".
Os membros da plataforma de emigrantes tamén participaron da manifestación portando a pancarta co lema: "somos emigrantes, non defraudadores".
Segundo os convocantes, a reforma normativa do Codigo Penal e da Lei de Seguridade Cidadá, que pretende o goberno de Mariano Rajoy, ten como obxectivo reprimir a contestación social fronte ás accións inxustas do goberno do Partido Popular e tipifícanse como delitos accións sociais que ata agora non tiñan esta consideración implantando unha censura informativa.