A Garda Civil e a Policía Nacional, premiadas pola Fundación Galega contra o Narcotráfico
Por Redacción
A Comisaría da Policía Nacional e a compañía da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, a asociación antidroga Antonio Noche e a reportaxe 'Las Mansiones de la Droga' do programa Equipo de Investigación recibirán o próximo 28 de novembro o recoñecemento da Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN).
A fundación fixo pública este martes a relación dos galardoados cos seus galardóns anuais, os Premios Nécora de Ouro 2014, que se entregará no transcurso da Gala Anual da Fundación, programada a partir das 20.30 horas no Salón García de Vilagarcía de Arousa.
Os Premios Nécora de Ouro son concedidos anualmente pola FGCN dende o ano 2002 para recoñecer os méritos de persoas e entidades que sobresaen especialmente na loita antidroga. Personalidades como Baltasar Garzón, o fiscal Javier Zaragoza ou o maxistrado Carlos Bueren foron galardoados en distintas edicións dos premios, xunto a entidades como Proxecto Home e diversas unidades das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Na categoría de loita contra o narcotráfico este ano decidiuse premiar a Policía Nacional e a Garda de Vilagarcía por ser "os que combaten en primeira liña ao tráfico de drogas dende os inicios desta actividade delituosa ata a actualidade".
Na categoria de prevención e asistencia ao drogodependente, o recoñecemento é para a asociación coruñesa Antonio Noche pola súa "extensa e meritoria" traxectoria dende a súa fundación en 1988. O galardón valora especialmente o traballo realizado polos seus voluntarios e directiva nos labores de axuda a persoas con problemas de drogodependencias e as súas familias, facilitando a súa rehabilitación e integración social a través de diversos programas e recursos para os máis necesitados.
No caso da categoría de medios de comunicación recoñécese o traballo de investigación e información xornalística realizado na reportaxe 'Las Mansiones de la Droga', mostrando as fortunas do narcotráfico e poñendo de manifesto a importancia estratéxica de intervir os patrimonios procedentes do tráfico de drogas, incidindo especialmente nas dificultades que ofrece a recuperación destes activos para a sociedade.
Relacionadas:
-
Eloy Quirós, Radio Arosa e o programa 'Dí K NON', galardoados pola súa loita contra o narcotráfico
Por Redacción |
-
Premian á Fundación Galega contra o Narcotráfico coa máxima distinción policial
Por Redacción |
-
Un galardón para quen lle planta cara ao narcotráfico
Por Redacción |
-
Jaime Iglesias, Nécora de Ouro pola súa loita contra o narcotráfico á fronte da Udyco
Por Natalia Puga |