Imputado pola explosión de material pirotécnico con sete feridos en Ponte Caldelas
Por Natalia Puga
A Garda Civil imputou o presidente da comisión de festas da Lama, J.B.M.C., pola súa implicación no accidente pirotécnico no que resultaron afectadas oito persoas (sete hospitalizadas) no mes de xullo en Ponte Caldelas tras a explosión dun camión aberto dende o que se estaban a lanzar bombas de palenque.
O home foi imputado como presunto autor de tres delitos de lesións e un delito de danos polos que deberá render contas ante o Xulgado, pero en ningún momento chegou a ser detido. Atribúeselle unha neglixencia porque, mentres se encontraba na caixa aberta do camión con outras sete persoas, fixo estoupar a carga.
Nesa carga había bombas de palenque e outro tipo de artificios pirotécnicos e, ao estoupar, resultaron feridos todos os ocupantes do camión, incluído o propio imputado. O resto pertencían ao grupo musical Alborada de Taboadelo (Ponte Caldelas).
Atribúeselle unha neglixencia porque, mentres se encontraba no camión con outras sete persoas, fixo estoupar a carga
O suceso aconteceu durante a procesión de San Cristóbal da Lama, na que os músicos realizaban un percorrido pola Lama, Aguasantas (Cotobade) e Ponte Caldelas. Á entrada de Ponte Caldelas pola estrada de Aguasantas, produciuse a explosión e varios dos ocupantes do camión saltaron polos aires. Oito resultaron afectados dalgún xeito e sete tiveron que recibir asistencia hospitalaria.
O agora imputado foi a persoa máis afectada pola explosión. Tivo que ser trasladado por un helicóptero do 061 á Unidade de Quemiados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) con prognóstico grave de queimaduras de segundo e terceiro grao.
A Garda Civil de Pontevedra abriu unha investigación xusto despois dos feitos na que participaron axentes da Unidade de Intervención de Armas e Explosivos. Un dos obxectivos era determinar se o material pirotécnico que se estaba a utilizar se axustaba á normativa, pois non todo este tipo de bombas de palenque e lumes de artificio habitualmente utilizados en festas populares pode ser manipulado por persoas particulares, ademais de determinar o tipo de material que levaba o camión, se a persoa que o manipulaba tiña preparación e se o seu uso estaba autorizado nas circunstancias nas que se empregou na citada procesión.