Unha 'tweetredada' permite desartellar un punto negro de venta de droga en Pontevedra
Por Natalia Puga
As campañas de 'tweetredadas' postas en marcha pola Policía Nacional a nivel estatal para solicitar a colaboración cidadá na loita contra o narcotráfico a través das redes sociais deron os seus froitos, por primeira vez, en Pontevedra.
Unha denuncia presentada por unha persoa a través de Twitter permitiu a detención de dous supostos trapicheiros e a desarticulación dun punto negro de venda de droga ao miudo nun karaoke da rúa Echegaray.
A denuncia chegou vía Twitter no mes de agosto aos organismos centrais da Policía Nacional en Madrid e cursouse esta ao Grupo Operativo de Tráfico Medio de Estupefacientes e ao Grupo de Atención ao Cidadán da Comisaría de Pontevedra. Un cidadán anónimo denunciaba que nun pub da cidade se podería ocultar substancia estupefaciente para a súa venda ao miudo.
Coa información recibida, os axentes realizaron distintas vixilancias sobre o local, comprobando como a este acudían de forma asidua coñecidos consumidores de substancia estupefaciente, e mesmo persoas relacionadas co tráfico de drogas, detidas anteriormente por tales feitos.
Na madrugada do día 6 de decembro, sobre as 2.00 horas, os axentes entraron e rexistraron o local. Tras un exhaustivo rexistro localizaron seis papelinas de cocaína preparadas para a súa venda, unha landra de haxix, un coitelo con restos de haxix no seu fío e outros efectos que evidenciaban un presunto delito de tráfico de drogas, así como un bate de béisbol.
A substancia estupefaciente incautada estaba oculta nun oco onde se aloxa o tubo de ventilación do local, próximo ao acceso ao almacén, polo que encontrala foi moi laborioso.
Remataron detidos o encargado do local e o camareiro, ambos os dous sen antecedentes policiais. Tras prestar declaración en sede policial foron postos en liberdade con cargos por un delito de tráfico de cocaína. Deberán declarar no Xulgado de Garda, a onde xa se remitiu o atestado policial.
O rexistro e as detencións víronse entorpecidos pola intervención dunha clienta do local, que menosprezou e realizou manifestacións ofensivas cara aos axentes, motivo polo que foi proposta para sanción administrativa por tales feitos.