Corrixen as deficiencias no subministro eléctrico en Moraña
Por Redacción
O xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra , Ignacio Rial, visitou o concello de Moraña para analizar coa alcaldesa do municipio, Luisa Piñeiro, as obras realizadas para mellorar o subministro eléctrico nas parroquias de Santa Xusta e o lugar de Souto na parroquia de Santa Cruz de Lamas.
Segundo confirmou a rexedora, os problemas que estaban a sufrir nestas zonas do municipio se atopan completamente solventados.
Dende a Xefatura Territorial xa se estableceu un procedemento de reclamacións de cara a poder subsanar as deficiencias na calidade de subministro eléctrico do rural na provincia.
A alcaldesa aproveitou a reunión co xefe territorial para coñecer as liñas de axuda que se atopan nestes intres abertas na Consellería de Economía e Industria e analizar as posibles solicitudes do municipio neste sentido.
Parque eólico Acibal
Por outra banda, Luisa Piñeiro, tamén quixo coñecer cómo se atopa, nestes intres, a tramitación do parque eólico Acibal, de 12 MW, da empresa Norvento, que foi admitido a trámite no último concurso eólico.
Neste senso, Ignacio Rial, transmitiu a alcaldesa de Moraña que a Consellería, a través da Xefatura Territorial de Pontevedra, "ten un forte compromiso co concurso eólico que se está a desenvolver na nosa comunidade autónoma".
Deste xeito, enviáronse nove proxectos de parques eólicos á Secretaría Xeral de Avaliación Ambiental para a elaboración da declaración de impacto ambiental. "En concreto, o Parque Acibal é o primeiro de Galicia en someterse a ese trámite", rematou o xefe territorial.
Este dato foi moi ben acollido pola alcaldesa de Moraña quen agradeceu a colaboración da administración autonómica recordando que se trata dun proxecto de grande interese para o municipio de cara ao seu desenvolvemento económico.