Os avogados da Deputación asesorarán aos subcontratistas do Nó do Pino
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, ofreceu hoxe colaboración aos vinte empresarios donos das empresas subcontratadas pola firma OCA nos traballos de remodelación do nó do Pino, que están afectadas polo impago de 1,8 millóns de euros por parte da adxudicataria desde hai dez meses.
En concreto a Deputación provincial brindará asesoría xurídica gratuíta así como a axuda dun técnico do servizo de contratación.
Ademais Louzán recomendoulles que fagan unha reclamación conxunta "no canto de ir por libre defendendo cada un os seus propios intereses".
A estes empresarios a constructora OCA débelles desde 15.000 euros ata 260.000, pero en conxunto elévase o pufo ata os 1,8 millóns de euros "á hora de reclamar este diñeiro ten moita máis forza para a administración presentar esta reclamación conxunta, que será máis efectiva".
Entre outras vantaxes unha acción conxunta permitiría paralizar calquera pago da administración á empresa OCA e que se lles poida devolver o debido.