Beirarrúas para chegar ao colexio Villaverde sen invadir a calzada
Por Natalia Puga
Os alumnos e a comunidade escolar do colexio Villaverde de Mourente poderán chegar a clase un pouco máis tranquilos a partir de agora. A Xunta de Goberno adxudicou por 75.720 euros as obras de construción de beirarrúas nos accesos ao centro.
Segundo informou o voceiro do Goberno local, Raimundo González, a actuación adxudicouse á empresa E.C. Casas e consistirá na construción de beirarrúas entre a rotonda de Juan Carlos I (Rúa Carrasqueira) e o acceso ao colexio para garantir a accesibilidade e seguridade vial.
Con esta obra soluciónase "un problema real" de falta de seguridade, xa que moitos dos peóns teñen agora a necesidade de entrar na estación de servizo de Cepsa para evitar invadir a calzada e camiñar o resto do traxecto sen beirarrúas.
A Xunta de Goberno tamén deu un novo impulso ao saneamento no rural. Adxudicou por 205.593 euros a rede de rede de sumidoiros do lugar de Cabaleiro, en Campañó, unha obra á que González dá "transcendencia" ao afectar á zona da parroquia máis poboada e ao centro neurálxico desta, pois é onde se sitúan a igrexa, o centro cultural ou o antigo teleclub.
Ademais, aprobou sacar a contratación tres obras por un importe de preto de 500.000 euros que supoñen completar o saneamento da parroquia de Tomeza, dotar deste servizo a práctica totalidade de Lérez e mellorar o colector de Couso, que canaliza a rede de sumidoiros dende Santo Andrés de Xeve.
Con estas obras, "complétase unha gran parte dás parroquias" e "vanse abordando ás zonas máis densamente poboadas ou que están máis próximas ao colector xeral" do rural pontevedrés.