Tres concelleiros do PP perden definitivamente a súa batalla xudicial polos seus salarios municipais
Por Alejandro Espiño
Os concelleiros do Partido Popular María José Rodríguez Teso, Ricardo Aguilar Argenti e Pablo Fernández non teñen dereito a percibir os soldos municipais que deixaron de cobrar entre setembro de 2012 e decembro de 2013. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestima o recurso presentado polos tres edís e ratifica o fallo de primeira instancia ditado o pasado mes de xuño.
Na sentenza, o TSXG ditamina que non cabe retroactividade na execución da sentenza que obrigou o goberno local a repoñer os salarios, polo que a ningún dos tres concelleiros lle corresponde cobrar os salarios durante ese período.
Esta vía xudicial iniciárona Rodríguez Teso, Aguilar e Fernández ao considerar que o goberno municipal non executara axeitadamente a sentenza de decembro do 2013 que anulou a redistribución das dedicacións exclusivas, deixando unha soa ao PP fronte ás tres anteriores, e obrigou a repoñer os soldos.
Pero o TSXG, igual que fixo o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra, avala a tese defendida polo Concello de Pontevedra que optou por repoñer os soldos do PP a partir da data da devandita sentenza, decembro de 2013, negando a posibilidade de que o fallo tivese efectos retroactivos e os concelleiros populares puidesen cobrar os catorce meses anteriores.
O tribunal considera que no acordo plenario de agosto de 2012 se produciu unha desviación de poder pero nega que sexa un acto anulable como pedían os tres recorrentes.
Ademais de desestimar o seu recurso, o TSXG impón a María José Rodríguez Teso, Ricardo Aguilar Argenti e Pablo Fernández o pagamento das costas xudiciais, cifradas nuns 500 euros por persoa. Todo iso, a pesar de que o avogado do Concello solicitara que, chegado este suposto, non se lles impuxese o pagamento deste diñeiro.
VALORACIÿN DENDE O GOBERNO
O voceiro do goberno municipal, Raimundo González, celebrou que o TSXG avalase unha vez máis as teses do Concello de Pontevedra neste asunto e pediu aos membros do grupo municipal do Partido Popular que reflexionen sobre este fallo. "Equivócanse profundamente ao recorrer á vía xudicial para cuestións que se debe resolver non ámbito das institucións e do debate político", afirmou. "ÿ un grave erro".
Relacionadas:
-
O xulgado tamén desestima a reclamación de María Biempica polos soldos atrasados
Por Redacción |
-
O Xulgado ratifica que o Concello cumpriu a sentenza das exclusivas do PP e valida o novo reparto
Por Alejandro Espiño |
-
O PP acode de novo aos tribunais polas dedicacións exclusivas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
BNG e PSdeG-PSOE acordan un novo reparto das exclusivas e o PP ameaza con volver o xulgado
Por Alejandro Espiño |