O reitor pontevedrés alerta da "asfixia económica" da Universidade
Por Oskar Viéitez
De maneira conxunta e á mesma hora, os reitores das 50 universidades públicas españolas alzaron a súa voz para amosar a súa preocupación polos recortes nos Orzamentos Xerais do Estado en materia de educación superior e I+D+i.
O equipo de goberno da Universidade de Vigo á que pertence o Campus de Pontevedra, e co reitor Salustiano Mato ao fronte, expresou o malestar da institución pontevedresa pola "asfixia económica e o deterioro irreparable" á que se ve sometido tanto o ensino universitario como a investigación e a innovación.
Ante a inminente aprobación dos orzamentos estatais e os das comunidades autónomas, "atopámonos nunha situación preocupante que pode prexudicar á universidade española tal e como a coñecemos ata agora, impedindo o desenvolvemento das actividades esenciais" como a docencia, a investigación e a innovación.
No manifesto acordado pola CRUE demándase ao Goberno que considere ás universidades como un investimento, non como un gasto. E conclúe que se as universidades perden calidade "perderemos todos, o conxunto da sociedade; quedaremos sen unha das armas necesarias para avanzar e saír da crise económica: o coñecemento".
No caso do sistema universitario galego, Mato subliñou que as demandas céntranse no cumprimento do Plan de Financiamento para o período 2010-2015. "Levamos tempo facendo os deberes e axustándonos, e o plan de financiamento, se se cumpre, aínda que significa unha conxelación, asegura un futuro tanto ás universidades como á sociedade na que se insiren".
O reitor amosábase disposto "a que nos poñan deberes e encomendas" e remarcou que o Campus de Pontevedra e a Universidade de Vigo está "saneada e resistindo no peor momento da historia e mesmo aumentando os ratios de calidade" a pesar de que Galicia está por debaixo da media española no financiamento universitario.
"Isto demostra que non se trata só de financiamento, senón tamén de buscar recursos, de que non nos penalicen por facelo e de que se respecte o acordo acadado coa Xunta de Galicia e recollido no Plan de Financiamento 2010-2015", indicaba Mato.