A rede de trapicheiros da operación Tubo rebaixa á metade as penas de prisión
Por Natalia Puga
Os once integrantes da rede de traficantes de droga ao miudo desarticulada no marco da operación Tubo víronse beneficiados por un acordo coa Fiscalía polo que cumprirán a metade da pena de prisión á que inicialmente se enfrontaban.
Todos eles se sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial para render contas de delitos contra a saúde pública tras ser detidos no ano 2010. Enfrontábanse a penas que van dende os tres aos oito anos e medio de prisión en función da súa implicación na rede desarticulada pola Policía Nacional e que abastecía de cocaína e haxix a Pontevedra, Marín e Vigo.
Tras recoñecer a acusación que formulaba contra eles o fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte, viron reducidas as penas de forma considerable. A pena maior pasou de ser oito anos e medio a catro anos e medio e a pena menor de tres a un ano e oito meses. No caso das multas que deben pagar, a de maior contía é de 15.000 euros e a menor de 800.
O fiscal Antidroga mantivo o relato dos feitos polos que están acusadas estas once persoas, pero introduciu a circunstancia atenuante de drogadición porque no momento no que se foron detidos moitos era consumidores habituais. Ademais, modifica a acusación como autores dun delito continuado de tráfico de drogas a un delito puntual, non continuado.
A pena principal recaeu sobre Víctor Manuel G.L, que deberá cumprir catro anos e seis meses de cárcere e unha multa de 1.100 euros, e Beatriz Eugenia S.S, con dous anos de prisión e multa de 15.000 euros.
As penas inferiores foron para Rubén G.T., con antecedentes por delitos contra a seguridade vial e que foi condenado a un ano e catro meses de prisión e multa de 4.500 euros por tráfico de drogas e catro meses de cárcere por un delito contra a seguridade vial.
No operativo policial interviñéronse unhas 2.000 doses de cocaína e uns cen gramos de haxix e foron detidos veciños de Marín, Pontevedra e Vigo, dos cales cinco son de nacionalidade colombiana. Inicialmente houbo once detidos. Dous detidos proporcionaban a droga traída dende o sur de España e os demais distribuíana en Pontevedra, Marín e Vigo. En Marín era en torno ao bar Breca.