"Pontexogos" achega cor ás compras de Nadal no comercio local
Por Diego Espiño
Creacións manuais, experimentos, maxia, contacontos, un carrusel ou animación musical. Son algunhas das actividades que acollerá Pontexogos, a iniciativa de promoción do comercio local que terá lugar durante a campaña de Nadal.
Presentando un ticket de compra de calquera establecemento da cidade os nenos de 3 a 12 anos poderán gozar da carpa instalada na Praza de España ou dos xogos que se trasladarán ás rúas da cidade, sempre que o clima o permita.
O Concello de Pontevedra, a través de Promoción Económica, pon en marcha Pontexogos sobrepóndose á perda de achega por parte de Novacaixagalicia, que doaba 20.000 euros, como recoñece a concelleira Carlota Román, "era una ayuda inestimable, pero se trata de dinamizar el comercio local y además está dirigido a los niños".
Baixo o lema "que non nos quiten a ilusión" a campaña estará activa dende o día 14 de decembro ao 4 de xaneiro. Unha vez que os escolares gocen de vacacións, as instalacións abrirán mañá e tarde.